Telefónica propón solucións TIC para mellorar a competitividade das empresas

mércores, 16 de xullo do 2008 Raquel Noya

Javier Gómez-Navarro, presidente do Consello Superior de Cámaras de Comercio, e César Alierta, presidente de Telefónica.

O presidente do Consello Superior de Cámaras de Comercio, Javier Gómez-Navarro, e mailo presidente de Telefónica, César Alierta, veñen de asinar hoxe un acordo marco de colaboración estratéxica para contribuír ó desenvolvemento do tecido empresarial español e mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas mediante a innovación e o uso eficiente das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC).
Ambas entidades comprométense, mediante esta sinatura, a establecer unha colaboración baseada na “solvencia” na implantación de solucións dixitais e de servizos de Telefónica por unha banda e na capacidade de dinamización, sensibilización e titorización das empresas a través do Consello Superior de Cámaras de Comercio por outra.
A vixencia do devandito acordo será de tres anos e mediante o mesmo constituirase unha Comisión Mixta de Seguimento integrada por catro membros, dous de cada unha das partes. Entre os cometidos da iniciativa figura a escolma, pulo, seguimento e avaliación das actividades conxuntas, que se desenvolverán a través de convenios específicos.
Entre as devanditas actividades, destaca o programa InnoCámaras, unha iniciativa que xa está en funcionamento e que promove a adopción dunha cultura de innovación entre as pequenas e medianas empresas españolas. Dentro deste programa enmárcanse os Foros de Innovación, que teñen como obxectivo principal que as empresas usuarias coñezan directamente as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías no día a día das súas organizacións.
Un destes Foros de Innovación terá lugar proximamente en Ferrol, logo de ter percorrido xa as cidades de Oviedo, Burgos, Tenerife, Murcia, Jaén e Valencia.

Aplicacións accesibles a través da Rede

Outro dos convenios específicos de colaboración que se identificaron no mesmo marco de colaboración é o que ten como obxectivo a posta en marcha dun programa que dinamice o emprego de aplicacións TIC específicas para pequenas e medianas empresas, de xeito que poidan ser accesibles a través da Rede. Este modelo está baseado nunha couta mensual baixa que os empresarios máis humildes poidan asumir.

PUBLICIDADE