Telefónica prestará os servizos de comunicacións móbiles de PSA Peugeot Citroën en Europa

martes, 13 de outubro do 2009 Raquel Noya

A operadora nacional Telefónica, ven de ser a compañía escollida polo Grupo PSA Peugeot Citroën para levar a cabo as súas comunicacións móbiles por un periodo de tres anos en España, Portugal, República Checa, Reino Unido, Alemaña, Holanda, Bélxica e Francia.
A operadora, que acudiu ao request for proposal do fabricante automobilístico coas súas filiais móbiles exclusivas para cada un dos devanditos países, gañou ao resto de operadoras que se presentaron á oferta en tódolos países nos que competían, o que supón unha achega de preto de 23.000 liñas móbiles.
Trátase do contrato internacional en servizos de comunicacións móbiles máis grande asinado ata o momento pola compañía, cunha alianza de provedores liderados a nivel internacional por Telefónica, cunha oferta que superou as dos seus competidores nos seus mercados naturais.
O concurso, que lle foi adxudicado a Telefónica e á súa alianza de operadoras europeas, lanzouse para todas as empresas do Grupo PSA Peugeot Citröen, constituído por PCA, fabricante de vehículos, as marcas comercializadoras de Automóviles Peugeot e Automóviles Citröen, GEFCO, operador loxístico do Grupo PSA e Faurecia, fabricante de compoñentes de vehículos.
A experiencia adquirida con este novo acordo como provedor de comunicacións móbiles de PSA Peugeot Citroën en Europa Occidental, permitiralle a Telefónica ampliar o seu alcance a novos mercados como os de Latinoamérica (Brasil, Arxentina) e China onde o Grupo automobilístico ten actividade.
Na adxudicación das súas comunicacións móbiles para os países citados, PSA Peugeot Citroën valorou a capacidade de Telefónica e os seus aliados “para dar unha resposta única mediante unha soa oferta unificada para todos os países, liderada polo equipo comercial español da empresa de telecomunicacións”.
Grazas a esta oferta global de servizos móbiles, o Grupo PSA beneficiarase de economías de escala na compra e xestión de servizos así como das sinerxías entre os distintos países onde Telefónica e os seus aliados prestan os seus servizos. Outra vantaxe para o cliente radica na homoxeneización do parque de terminais así como a optimización da súa xestión.

PUBLICIDADE