Telefónica presentou unha plataforma para axudar ás familias a crear unha Internet segura
venres, 14 de febreiro do 2014
Telefónica presentou
esta semana unha
iniciativa de asesoramento e divulgación para nais e pais con
respecto ás tecnoloxías das que botan man os seus fillos. O
obxectivo da operadora, como é de supoñer, é de achegar unha
xanela centralizada para dar resposta á cada vez meirande demanda de
información sobre os riscos aos que están expostos os nenos que
navegan na Rede ou empregan dispositivos móbiles. Isto materialízase
a través da plataforma Familia
Dixital, Centro de Recursos para Nais e Pais presentado estes
días pola compañía de telecomunicacións. Segundo informa, o seu
obxectivo “é impulsar a educación dixital e contribuír a crear
unha Internet mellor para os cativos”.
A web, que xa está
accesíbel en España, chegará ao Reino Unido en primavera a través
de O2. Máis tarde farao noutros países nos que Telefónica ten
actividade. A plataforma foi desenvolvida polo Foro
Xeracións Interactivas coa colaboración de European Schoolnet,
a Universidade de Navarra, INSAFE, EU Kids Online, Childnet
International, Protéxelles e Pantallas Amigas. Segundo informa a
operadora, forma parte da estratexia de seu “para fomentar a
confianza dixital e promover un uso responsábel das TIC”. Apóiase
en catro piares: autorregulación, as alianzas estratéxicas, os
produtos e servizos e a educación dixital.
A idea de Telefónica é
converter a plataforma nun sitio de referencia para as familias, pais
e nais, titores e profesores. Ou sexa, algo do que botar man de
inmediato, sempre accesíbel, cando tenten atopar respostas sobre a
cuestión dos nenos e as novas tecnoloxías. “Asemade”, di a
compañía, “é un lugar para compartir experiencias e testemuños
e axudar a superar os retos e atrancos aos que se enfrontan os
cativos e os seus pais debido aos cambios tecnolóxicos e á
constante aparición de novas aplicacións e servizos”.
Para acadar todos estes
obxectivos, a web concíbese ante todo como algo activo e en
desenvolvemento. Así, tódolos trataranse dende Familia Dixital
temas de interese e actualidade, fornecéndose vídeos, xogos,
actividades de lecer e artigos artellados por idade para que as
familias poidan aprender a tirarlle o máximo partido a Internet.
Ademais, incorpora un glosario de termos como grooming,
ciberacoso, sexting, xeolocalización coa súa explicación e con
consellos, claves, recomendacións, ligazóns e vídeos acerca deles.