Telefónica presenta unha tecnoloxía que sensoriza os traxes dos bombeiros

xoves, 1 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

Esta semana presentouse en Catalunya un desenvolvemento tecnolóxico de Telefónica directamente encamiñado a reducir os riscos no día a día das persoas que traballan combatendo o lume, cousa que na nosa terra, de seguir afianzándonos neste clima que non é propio nin axeitado, coa gráfica do perigo potencial de incendios disparándose, se cadra debera ser tido en conta. Máis polo miúdo, trátase dun proxecto baseado no que se coñece como Machine to Machine, M2M, unha metodoloxía de traballo que consiste no intercambio de información/comunicación, en formato de datos, entre dúas máquinas afastadas.
A tecnoloxía en cuestión usarase nos traxes dos Bombeiros da Generalitat e terá potencial para detectar gases perigosos e enviar a través do teléfono móbil un sinal de alarma que poña sobre aviso ao propio profesional que estea tentando combater un lume e máis ao seu centro de xestión. O proxecto, chamado @textil, desenvolveuse en colaboración co corpo de bombeiros de Catalunya, cuxos traxes incorporan sensores para detectar a presenza de até nove gases nocivos. A tecnoloxía baséase na plataforma Arduino, que posibilita a instalación dunha tarxeta SIM nun microprocesador de baixo custe. Segundo apunta Telefónica, este procedemento e vantaxe permite facer realidade algo que até hai pouco considerábase impensábel: o internet das cousas. E engade: “Cando os sensores emprazados no traxe do bombeiro rexistran materiais de risco no ar, os sensores subministran un sinal a través do móbil empregando as redes 3G cara a un centro de control”. O dispositivo tamén pode rexistrar vídeo e envialo a ese mesmo punto de xestión. Así, o bombeiro poderá “recibir instrucións e máis axuda en remoto no lugar mesmo no que se atope, á beira do sinistro ou incidencia no que traballe”. O proxecto, sinálase, ten potencial para estenderse a outras profesións e eidos de acción.

PUBLICIDADE