Telefónica prende en Galicia a 5G na banda de 700MHz

martes, 8 de marzo do 2022 S. P.

Telefónica anunciou este luns 7 de marzo o acendido da 5G na banda de 700 MHz en catorce concellos de Galicia. Fíxoo tras recibir todos os operadores a autorización por parte do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital para activar os equipos de radio (nodos) desta banda de frecuencias. Por provincias, na Coruña foi activada esta tecnoloxía en estacións base de Culleredo, Irixoa, Fisterra, Sada e Coristanco; en Pontevedra, en Lalín, Redondela, Pontevedra, Valga e Vigo; en Lugo, no Páramo e Becerreá; e en Ourense, en Vilardevós e Pereiro de Aguiar.
Segundo explica a operadora de telecomunicacións, a banda de 700 MHz (tamén chamada banda baixa) vaille permitir “ampliar cobertura, penetrar mellor en interiores e universalizar algunhas das características das comunicacións 5G como é a baixa latencia”. Trátase, explica a empresa, “do complemento perfecto para a banda de 3,5 GHz”, na que tamén opera Telefónica e que é axeitada para servizos que precisan de moi alta velocidade de transmisión, pero que presenta algunhas eivas (por exemplo o seu alcance menor ou o feito de non ser tan eficaz á hora de atravesar obstáculos nos inmóbeis) en relación ao sinal da banda de 700 MHz.
Telefónica engadiu que o aceso do 700 MHz será “paulatino”, xa que a Administración permitiu facelo en 60 instalacións á semana durante as primeiras semanas.
O obxectivo en toda España é terminar o ano con 1.400 municipios con 700 MHz e en 2023 chegar aos 2.400.
Co aceso do 700 MHz, Telefónica segue completando a cobertura 5G, que en España chega xa a máis do 80% da poboación, a todas as capitais de provincia e tanto ás grandes poboacións como pequenas localidades de menos de 3.000 habitantes.

PUBLICIDADE