Telefónica pon en marcha nas cabinas un servizo de agasallos de Nadal

xoves, 13 de decembro do 2007 Raquel Noya

Nestas datas previas ó Nadal nas que todo o mundo se ve na obriga de agasallar ós demais, a entidade Telefónica Telecomunicacións Públicas (TTP) non quería ser menos, e vén de anunciar un dos seus servizos “máis innovadores”, Cabinamanía, a través do que vai repartir logos, xogos, descargas de tons, melodías, imaxes, animacións e até viaxes para todos aqueles que participen na súa proposta.
O vindeiro 14 de decembro, un total de 300 cabinas situadas (ollo: os galegos ficamos fóra) nas principais cidades españolas (Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Bilbao, Santa Cruz de Tenerife e As Palmas de Gran Canaria) van soar entre as 12:00 e as 14:00 e entre as 17:00 e as 20:00 horas para premiar a todos aqueles que descolguen e respondan correctamente a unha pregunta que se lles proporá.
Para facilitar todo tipo de información sobre esta actividade, Telefónica ten habilitado o sitio www.cabinamania.es no que inclúe un foro, contidos especiais e funcionalidades que lle permiten ó usuario gozar de distintos servizos como escoitar os distintos tipos de politóns que hai ou as imaxes e animacións que teñen á súa disposición.
A devandita promoción responde a unha iniciativa de Cabinamanía, un servizo lanzado por Telefónica en agosto e que está dispoñible dende tódolos teléfonos de uso público de España. Entre outras cousas, o servizo permítelles ós usuarios de móbiles descargar contidos mediante o pago con moedas dende a propia cabina a un prezo de entre 0,50 e 3 euros ou facerllos chegar a outros usuarios de xeito doado.
A compañía de telefonía asegura que con este servizo, a cabina “responde ás novas demandas dos usuarios e convérsese nun punto de información dende o cal descargar tons, música, xogos e todo tipo de contidos dixitais cos que agasallar a terceiros”.

PUBLICIDADE