Telefónica pechou 2014 cun beneficio neto de 3.001 millóns de euros

mércores, 25 de febreiro do 2015 Redacción

Telefónica presenta hoxe os resultados correspondentes ao peche do exercicio 2014, un ano no que a compañía deu pasos crave e obtivo resultados visibles na súa estratexia de transformación cara a unha grande empresa dixital de telecomunicacións. Así, tanto o investimento coma a xestión da carteira de activos enfocáronse en incrementar o seu posicionamento competitivo en segmentos e mercados de maior valor, traducíndose nunha aceleración do crecemento dos ingresos ao longo do ano. Ao mesmo tempo, continuouse cunha estrita xestión dos custos e obtivéronse aforros importantes derivados da simplificación do novo modelo operativo, de tal forma que o OIBDA do exercicio volveu ao crecemento en termos orgánicos.
Os ingresos suman no conxunto do ano 50.377 millóns de euros e consolidan, no cuarto trimestre, unha aceleración xeneralizada do crecemento orgánico en case todos os países. Así, esta partida crece, en termos orgánicos, o +5% entre outubro e decembro e increméntase o +2,6% no conxunto do ano. Ao mesmo tempo, as medidas de eficiencia e simplificación sitúan a rendibilidade en niveis sólidos, cun OIBDA de 15.515 millóns de euros (+0,2% interanual orgánico) e unha marxe de OIBDA do 30,8% no conxunto do ano.
Con todo iso, o beneficio neto de Telefónica a peche de 2014 suma 3.001 millóns de euros (-34,7%), afectado por varios impactos extraordinarios, que se produciron especialmente no cuarto trimestre. Descontando todos os efectos extraordinarios do conxunto do ano, o beneficio neto consolidado alcanza os 4.462 millóns de euros (-18,6%).
No informe de presentación de resultados, o presidente de Telefónica, César Alierta, subliñou que "os resultados do cuarto trimestre de 2014 supoñen a culminación dun período de intensa transformación que permitiu reforzar a compañía, o seu potencial de crecemento e a súa posición financeira en algo máis de dous anos,".
Tamén explicou que "esta transformación se produce dende as bases do negocio, grazas a un intenso esforzo investidor que nos permitiu adaptarnos á evolución das necesidades tecnolóxicas dos nosos clientes caracterizadas por un uso cada vez máis intensivo dos datos,".

PUBLICIDADE