Telefónica pecha o ano con máis de 1.700 concellos con cobertura 5G de 700MHz

mércores, 28 de decembro do 2022 S. P.

Telefónica remata o ano facendo balance da presenza da súa tecnoloxía 5G nos concellos da xeografía estatal, un total de 1.719 co dito estándar de telefonía móbil, o que supón, indica a operadora, unha cobertura superior ao 83% da poboación. No seu balance Telefónica salienta o incremento de nodos de 700 MHz instalados en 2022, un 300% máis con respecto a 2021, o que permitiu superar os 1700 municipios cubertos con esta banda do 5G no ano que finaliza.
“Dende que o Goberno autorizou en febreiro deste ano o aceso do 700 Mhz”, explicaron fontes da compañia, “activamos as estacións base 5G instaladas ao longo de 2021 e logramos superar as previsións de cobertura na tamén chamada banda baixa que permite dar cobertura extensa, penetración en interiores e universalizar algunhas das características das comunicacións 5G como é a baixa latencia”.
Amais, operadora destaca que a poxa da banda de 700 MHz en xullo de 2021 “supuxo un fito importante para impulsar o despregamento 5G en España”, na que Telefónica resultou adxudicataria de 1 bloque de 2×10 MHz por un importe total de 310,09 millóns de euros o que permitiu á empresa consolidar o seu liderado en conectividade ao unir o impulso da cobertura 5G coa súa rede de fibra en España.
Por outra banda, Telefónica completou recentemente o seu espectro 5G coa adquisición de 5 bloques de 200 MHz na banda de 2,6 Ghz por un importe total de 20 millóns de euros, sendo a maior adxudicataria no proceso de licitación. O espectro adquirido que se poderá despregar a partir de 2023 servirá, en palabras da compañía, “para ofrecer casos de uso que requiran altas velocidades e prestacións e menores latencias, que catalizarán o desenvolvemento de aplicacións innovadoras tanto na contorna industrial como dirixidas ao público en xeral que sitúen a España á vangarda da dixitalización”.
Como destaca Javier Gutiérrez, director de Estratexia e Desenvolvemento da Rede de Telefónica España: “2022 foi o ano no que demos un impulso moi importante ao despregamento do 5G tanto na banda de 700 MHz, onde cumprimos o fito de ter o 30% dos municipios de >20K habitantes perfectamente cubertos, como na banda de 3,5GHz na que tamén fixemos un gran esforzo que seguirá en 2023 xa que esta banda é fundamental para dar aos clientes altas prestacións 5G”.

PUBLICIDADE