Telefónica leva fibra óptica a 256 fogares do rural na Baixa Limia

mércores, 16 de decembro do 2020 Redacción

Un total de 256 fogares do rural de Grou, na Baixa Limia, dispoñen xa do servizo de fibra óptica. A operadora de telecomunicacións Telefónica está a realizar a instalación desta tecnoloxía neste termo municipal de Lobios dende hai varias semanas. A compañía engade que a conexión xa poderá establecerse en varias localidades da parroquia de San Mamede de Grou.
Así, o servizo está xa dispoñíbel en Cima de Vila, Casardomato, O Eido, Casar de Cima, o Souto, Ferreiros, Corgo, Carreira, Pazos, A Cruz, Reguengo, Silvares, Requeixo, Barrallo, Foz e A Rasela.
Nos vindeiros días, e para facilitar a información da veciñanza, colocaranse bandos informativos para explicar como informarse sobre estas conexións.
Os devanditos serán os primeiros puntos (16 núcleos) con conexión á fibra óptica do municipio de Lobios onde Telefónica está a desenvolver o despregue. A maiores, segundo informa a operadora, a conexión chegará antes do remate de ano a 5 parroquias mais (553 vivendas) do concello de Lobios no que supón aproximadamente o 65% do termo municipal, “cun alcance inicial previsto de 982 unidades inmobiliarias para finais do 2021”, explica Telefónica, engadindo que tamén en Entrimo (869 vivendas) e Lobeira (275 vivendas) se está a despregar fibra de Telefónica.
“Tentaremos que as conexións vaian chegando a todas as parroquias, no que será un gran paso para o desenvolvemento do noso rural”, indica o xefe de Operacións de Telefónica en Galicia e Asturias, César Rodríguez, poñendo o foco na vontade da compañía de achegar o máximo servizo territorial: “A fibra chegará aos núcleos de poboación de toda a provincia, brindando todos os servizos como son Movistar+, voz IP e velocidades de ultima xeración. O mesmo do que se desfruta nas cidades e o teletraballo serán posíbeis no rural, o que axudará a que moita xente non abandone os pobos”.
A extensión acométese a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento, co proxecto de extensión de redes de banda larga ultrarrápida en entidades de poboacións galegas.

PUBLICIDADE