Telefónica lembra que máis da metade os galegos accede decote á Rede

mércores, 28 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Telefónica, o operador elixido para o desenvolvemento da nova fase do Plan de Banda Larga da Xunta, en detrimento dos operadores galegos, fixo públicos este mércores en Santiago, no Hostal dos Reis Católicos, os datos do seu informe Galicia Sociedade Dixital, un estudo que, como o seu propio nome indica, constitúe unha análise da nosa situación no mundo TIC. O informe, en cuxa presentación tamén participou Mar Pereira (tal e como sinalamos nesta mesma web), sinala que máis da metade dos galegos accede decote a Internet, taxa que sube até o 85% entre a mocidade e ao 97,3% nas empresas.
Con todo, estes e outros datos tamén indican, directa ou indirectamente, que nos separa unha distancia coa media estatal e europea en afianzamento TIC. Loitar contra isto será, en opinión de Telefónica, o obxectivo do seu traballo no Plan de Banda Larga. A presentación contou, entre outros representantes da empresa, coa presenza do director territorial Norte de Telefónica España, Javier Zorrilla, quen quixo destacar “o compromiso” da súa empresa coa nosa terra no despregue da infraestruturas de acceso á Rede. Zorrilla recordou que ao abeiro do devandito plan inclúese levar banda larga ao noso rural “coa tecnoloxía UMTS-3G a 11.300 novos núcleos de poboación onde residen case 250.000 persoas, ás que cómpre sumar outros 728.000 galegos que verán mellorada a súa cobertura de datos a partir de agora”.
Volvendo ao informe, dicir que Zorrilla destacou o feito de que máis da metade da cidadanía galega poida acceder a Internet de xeito cotiá, e que, desta porcentaxe, arredor do 52%, accede para contactar coas administracións públicas, “o que supón un 5% máis cá media do Estado”. A maiores, sinalou, case a metade dos nosos fogares teñen arestora conexión, e desta taxa, o 96% conta con banda larga. “Esta penetración de Internet”, sinala Telefónica, “elévase moito nas empresas, pois o 97,3% delas ten acceso á Rede e a práctica totalidade faino con banda larga, xa sexa fixa ou móbil”.

PUBLICIDADE