Telefónica oferta un ADSL económico para reter aos seus clientes

martes, 26 de maio do 2009 Raquel Noya

Malia que moitos fan a vista gorda e pretenden convencernos de que a crise non é para tanto e que a economía non está tan colapsada como nos fan ver os medios, o caso é que ata Telefónica, a considerada “a operadora de telefonía máis importante do noso país”, que non debería ter problema para manter os seus elevados ingresos, vén de reaccionar ao novo clima de aforro e vén de anunciar importantes rebaixas no seu servizo de banda larga.
O xigante español viuse na obriga (como outras moitas empresas nacionais e internacionais) de revisar a súa estratexia de mercado, e decidiu actuar aplicando fortes reduccións de prezos nos seus dous principais servizos: o ADSL e a telefonía móbil.
Se o pasado mes de abril, Movistar lanzaba unha tarifa revolucionaria con prezos tan baixos como os de un operador de baixo custe (9 céntimos por minuto a todos os destinos e horarios e 9 céntimos o SMS), agora, un mes despois, a compañía vén de facer o propio coa banda larga fixa, e vén de lanzar un servizo de ADSL, cunha velocidade de 3 megas e sen ningún tipo de limitación de descarga, por un prezo de 28 euros ao mes, o que supón 12 euros menos (unha rebaixa do 30 por cento) respecto do prezo estándar de 40 euros mensuais que viña aplicando.
Esta é a primeira vez en 7 anos que Telefónica baixa os seus prezos de ADSL xa que, dende o pasado 2002, a compañía mantiña un prezo inamovible de 40 euros mensuais.
Pese a isto, a operadora española nunca se vira penalizada na súa cota de mercado por manter prezos máis altos que os da competencia e ao longo dos dous últimos anos, segueu mantendo case intacta a súa cota, situada no redor do 56 por cento do mercado total da banda larga en España.
Porén, a crise económica e o incremento das cifras do paro, fixeron que os clientes de telecomunicacións prestasen máis atención ao custe real dos servizos que empregaban e que comparasen máis a relación calidade/prezo das operadoras que podían contratar.
Isto provocou que a cota de clientes de Telefónica se fora reducindo e que moitos clientes se pasaran a outras ofertas máis baratas.
Agora, con esta nova oferta de 28 euros, Telefónica pretende “reter” aos clientes que xa anunciaron o seu cambio de operadora así como captar a novos clientes e seguir ingresando beneficios a pesar da crise económica.

PUBLICIDADE