Telefónica lanza Path5, un novo produto para loitar contra as ameazas do eido móbil

venres, 17 de outubro do 2014 Redacción

A compañía Telefónica deu a coñecer esta semana os seus vindeiros pasos en materia de ciberseguridade. A información, achegada no marco do Dia da Innovación en Seguridade (este xoves), centrouse sobre todo no ámbito dos novos produtos e servizos a desenvolver e impulsar mediante acordos con outras compañías. Sen ir máis lonxe, Telefónica desvelou os detalles dos seus acordos estratéxicos con Microsoft (contra o crime dixital), Google ou Facebook, pactos aos que cómpre engadir o asinado con ElevenPaths e que centra os seus esforzos no desenvolvemento de produtos “únicos e innovadores”. Froito disto último é o lanzamento de Path5, unha nova achega de ciber-intelixencia “para loitar contra as ameazas do mundo móbil”.
Path5 é un produto de ciberseguridade desenvolvido por ElevenPaths que facilita aos profesionais e expertos en protección informática a investigación en contornas de aplicacións móbiles mediante a súa tecnoloxía patentada de Big Data e o motor de correlación de seu. Ofrece unha solución integral que, en palabras de Telefónica e ElevenPaths, “mellorará a análise e investigación para dar resposta a calquera acción fraudulenta na que puidese utilizarse algún compoñente móbil”. En definitiva, Path5 permite aos analistas rastrexar a actividade destes compoñentes móbiles creados por desenvolvedores e predicir outras actividades semellantes. Igualmente, explica a operadora, “posibilita fixar alertas que detectan a actividade fraudulenta destes desenvolvedores, o que converte a Path5 nunha solución ideal para os equipos de seguridade, legais e de mercadotecnia das empresas, ou analistas de tendencias en aplicacións móbiles”.
Por certo que Path5 complementa a actual oferta de solucións especializadas de seguridade que Telefónica fornece a empresas.
No marco do Día da Innovación en Seguridade, a operadora tamén desvelou os principais detalles do seu acordo con Microsoft, un pacto a nivel mundial para compartir en tempo real os datos do programa de intelixencia aplicada ao cibercrime, “fundamental para os clientes das dúas compañías, xa que o intercambio de información comercial é crucial para combater estas prácticas fraudulentas agora e no futuro”, informou a operadora. A empresa tamén lembrou que a unidade de loita contra os delitos dixitais de Microsoft ten unha ampla experiencia en erradicación de malware e programas daniños.

PUBLICIDADE