Telefónica lanza Keteke, unha rede social multiplataforma e aberta a todos os usuarios de móbil

venres, 21 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

O panorama de comunidades e redes sociais vén de ser obxecto dunha nova incorporación, e desta volta da man dunha empresa que até o de agora non tiña centrados os seus principais intereses nese ámbito: Telefónica. Con todo, e tal e como explicou a operadora durante a presentación desta proposta web (hoxe mesmo en Madrid), era inevitable que a experiencia en servizos de telefonía da empresa se acabase por notar en calquera desenvolvemento en liña que fixera. E, neste punto, semella que Keteke dálle en boa medida a razón: é multiplataforma, permite interactuar dende o teléfono móbil, o computador ou a televisión (a través do servizo Imagenio, tamén de Telefónica) e achega posibilidades de acceso e emprego inmediato. O servizo, que vai encamiñado sobre todo á mocidade, céntrase polo de agora no ámbito español. Entre os seus puntos máis salientables atopamos os seguintes: posibilita o envío e recepción de contidos multimedia (fotos e vídeos sen límite de capacidade), escribir no blog propio e enviar mensaxes ás amizades.
Asemade, e cos fins de garantir as meirandes opcións de éxito e de afacerse ao espírito de apertura dos tempos web que corren, Telefónica anuncia que Keteke vai ficar aberta aos usuarios de outras operadoras.
E todo iso, sinala a operadora, malia ser unha rede social lanzada pola propia empresa e de contar con tecnoloxía e infraestrutura da compañía. Así resumiu este punto Luis Ezcurra, director de Terminais de Telefónica: “A idea é chegar a todos os usuarios da forma máis sinxela posible; que poidan pendurar os seus contidos en calquera intre e lugar e compartilos cos seus amigos dun xeito áxil e doado, no que ademais flúan e se comuniquen as gañas de pasalo ben”. Outra das innovacións que incorpora Keteke con respecto a redes sociais de semellante pau ten que ver coa achega de xogos. Para comezar, o servizo subministra un xogo multixogador de balde, Ketecity, proposta de estratexia que enfronta diferentes bandos á procura dun espazo da cidade propio de seu. “Cada xogador”, sinala Telefónica, “xera un avatar, personalízao, supera retos e interactúa co resto dos usuarios neste orixinal núcleo urbano”.
Modo de emprego
Para poder empregar Keteke, requírese unha inscrición na web www.keteke.com (dende o computador) e logo entrar no portal web http://m.keteke.com (desde o móbil) ou na canle habilitada de Imagenio. A partir de aí, se desexamos subir imaxes ou vídeos dende o móbil será preciso enviar unha mensaxe multimedia ao número 220 (Movistar) ou ao 638444220 (outro operador).

PUBLICIDADE