Telefónica investiu 250.000 euros en dotar de FTTH aos polígonos de Lugo

xoves, 6 de novembro do 2014 Redacción

Teléfonica deu conta hoxe do estado de cousas dos seus traballos de despregamento de fibra FTTH nos polígonos da cidade de Lugo, un parte informativo que cómpre sumar ao referente a Santiago recentemente emitido. Segundo fai saber a operadora, unha parte moi considerábel das empresas da Cidade da Muralla, emprazadas nos polígonos do Ceao e das Gándaras, ten xa ao seu alcance a tecnoloxía de Fibra Óptica Até o Fogar (FTTH polas súas siglas en inglés). Falamos en total de 658 firmas, “o que supuxo a instalación de case 20.000 metros de fibra e 247 puntos de conexión óptica”, explica a compañía, que tamén engade que se instalaron ou adaptaron 66 arquetas e máis de 200 postes. Todo iso supuxo un investimento aproximado de 250.000 euros.
Para a empresa española de telecomunicacións, non cabe dúbida de que estes traballos van permitir o acceso “á tecnoloxía de transmisión de datos máis rápida e eficiente do mercado”. Neste senso, Telefónica destaca que a FTTH de seu ten a particularidade de que é quen de chegar até as propias oficinas das empresas, ou sexa, explica, “que non se emprega cobre ou coaxial no último treito e, por tanto, non existe perda de velocidade”. E engade: “Ten un ancho de banda ilimitado e simetría na baixada e suba de datos, ademais dunha gran estabilidade e unha taxa de avarías moi baixa con respecto a calquera outra tecnoloxía”.
Telefónica tamén lembra que investirá en Galicia este ano 48 millóns de euros en infraestruturas de última xeración e ao final de ano levaría fibra óptica até o fogar a 351.844 vivendas galegas e zonas industriais.

PUBLICIDADE