Telefónica estrea unha web coa que dar servizo aos seus clientes multinacionais

luns, 14 de setembro do 2009 Raquel Noya

A operadora nacional Telefónica, na súa teima por ampliar a oferta de solucións integradas de telecomunicacións e impulsar así o servizo prestado a multinacionais e outros clientes corporativos con necesidades de carácter internacional, vén de reforzar a súa infraestrutura de rede alén das nosas fronteiras, coa apertura de novas oficinas nun total de 15 países europeos.
Asemade, a compañía vén de lanzar unha completa gama de solucións dirixidas aos clientes corporativos, entre as que destaca a posta en marcha do novo portal de Solucións para Clientes Multinacionais de Telefónica, que lle proporciona solucións de telefonía fixa e móbil a multinacionais de todo o mundo de maneira rápida e eficaz.
As novas oficinas e infraestrutura de rede despregada en Europa xunto co novo portal e a reforzada carteira de produtos e servizos, “permite darlle pulo á aposta de Telefónica por este importante segmento do mercado”, tal e como vén de anunciar o seu responsable, Mathhew Key, quen engadiu que con estes pasos, “Telefónica segue a avanzar con éxito e cumplindo os obxectivos marcados en decembro de 2008 de potenciar a súa presenza e o conxunto de solucións dedicadas a clientes corporativos”.
Telefónica International Wholesale Services (TIWS) foi a empresa do Grupo Telefónica encargada do despregamento de rede e a apertura das oficinas nos 15 países europeos nos que non opera a compañía. De feito, encóntrase en proceso de estender e reforzar a súa rede IP MPLS global naqueles países identificados como estratexicamente relevantes para as compañías multinacionais en Europa. O despregamento inclúe a prestación de servizos tales como conectividade a rede de área ampla (WAN), acceso a Internet centralizado, rede de área local (LAN), como LAN sen fíos, telefonía fixa, telefonía móbil e datos, ademais de servizos de xestión de seguridade.
As novas oficinas, que xa están operativas e situadas en Francia, Bélxica, Grecia, Italia, Holanda, Portugal, Suecia, Dinamarca, Estonia, Polonia, Hungría, Suíza, Austria, Romanía e Bulgaria, foron creadas co obxectivo de facilitar a prestación de servizos aos clientes corporativos actuais ou aos que poidan selo no futuro.

PUBLICIDADE