Telefónica e a Universidade de Vigo presentan nas xornadas Smart Cities a súa cátedra compartida de innovación

mércores, 26 de novembro do 2014 Redacción

O catedrático José Cidrás nunha imaxe de 2005

Entre as iniciativas presentadas nas Xornadas Técnicas Smart Cities and Communities, de cuxa posta en marcha falamos onte en Código Cero, salientan especialmente aquelas que xorde da unión de forzas entre entidades que sobre o papel teñen pouco en común pero que na práctica comparten a arela da experimentación, a innovación e o coñecemento. Nesta liña insírese a Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo, froito da colaboración entre ámbalas dúas entidades e presentada en todo detalle polos seus directos responsábeis na primeira xornada do devandito evento, que se está a celebrar (hoxe mércores tamén) no Auditorio Mar de Vigo.
Máis polo miúdo, a posta en longo da Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo, dirixida polo catedrático José Cidrás, formalizouse nunha caseta instalada no auditorio vigués, onde se amosa o proxecto de fogar dixital Enerdomus, que ten por obxectivos a medida, control, seguimento, caracterización e xestión do consumo de enerxía eléctrica nos fogares. Este proxecto, sinalan os seus impulsores, púxose este ano coa instalación de dispositivos tecnolóxicos en 15 fogares, desde os que se transmiten datos sobre o seu consumo eléctrico. “O obxectivo”, engaden, “é ampliar a mostra a 30 vivendas e, nunha segunda fase, trala análise dos datos, poder caracterizar o consumo (se é excesivo, regular ou axeitado) e en función dos resultados establecer logo guías dirixidas aos usuarios”. Estas guías axudaranlles a acadar unha maior eficiencia no emprego da enerxía eléctrica e un mellor axuste na súa facturación.
Segundo se fixo saber, Enerdomus ten un amplo potencial que vai alén da electricidade. De feito, malia que polo de agora céntrase neste ámbito, podería aplicarse a outro tipo de enerxías. Máis alá de Enerdomus, a colaboración entre a operadora e a institución académica galega baséase en “promover o desenvolvemento de propostas de mellora en eficiencia enerxética, novos sistemas de xestión enerxética, a utilización das tecnoloxías da información na procura desa eficiencia e a análise da calidade enerxética ambiental”.

PUBLICIDADE