Telefónica e Nec sentan os alicerces dos fogares conectados máis simples e ceibes de avarías

venres, 11 de outubro do 2013 Redacción

Telefónica e Nec anunciaron este xoves que van unir forzas para iniciar en Brasil, dende este mes de outubro, un proxecto piloto que se dirixe a simplificar ao máximo o equipamento TIC do noso fogar mediante tecnoloxías de virtualización destes equipos (vCPE). Trátase dun proxecto baseado nun prototipo desenvolvido por Telefónica I+D e integrado por Nec e que permite desprazar certas funcións IP desde as pasarelas residenciais (o equipo instalado no fogar do cliente) á propia rede da operadora. Ou sexa que se desprazan as funcións a mans dos técnicos das empresa. Isto que fai posíbel? Pois basicamente abrir o vieiro das autoreparacións do sistema (sempre que haxa avarías, por que a tendencia é a que diminúan ao máximo) e dun elemento de flexibilidade e eficiencia a ter moi en conta.
Para dar forma a isto, Telefónica e Nec levarán a cabo probas de campo en Brasil, onde a operadora española prové servizos de acceso de banda larga a millóns de fogares e negocios, “co obxectivo de ter preparada unha solución lista para aplicarse ao redor de xullo de 2014”, informan. A introdución deste sistema, engade a compañía, “pode axudar a reforzar e simplificar de maneira notábel a operación do servizo así como o seu mantemento mediante a virtualización e o desprazamento das funcións do equipo en casa do cliente á propia rede de Telefónica”. E engade: “Ao minimizar a dependencia do hardware, a virtualización traerá beneficios tanto na xestión da rede como para o propio cliente final, garantíndose meirandes control e seguridade na electrónica de consumo conectada á Rede así como a redución das posibles incidencias e avarías”.
A solución vCPE pertence ás solucións SDN de Nec para operadoras de telecomunicación, unha carteira de novas solucións innovadoras baseadas en tecnoloxías Software-Defined Networking (SDN) e Network Functions Virtualization (NFV).

PUBLICIDADE