Telefónica e Ineo organizan este venres en Vigo unha xornada sobre a utilidade das TIC

xoves, 28 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

O programa itinerante InnovaTe do que falamos hoxe mesmo nesta web (entre outras cousas para dar conta do seu inicio de actividades con Vigo como punto de partida) está a servir de impulso a diferentes traballos colectivos dirixidos a conseguir que non fique nada da Rede pendente de entender. De feito, este de achegar as tecnoloxías dixitais o máis preto posible da cidadanía e o empresariado é o gran obxectivo de todo InnovaTe, unha actividade posta en marcha por Telefónica que arestora ten a súa principal faciana visible na explanada situada perante o Real Club Náutico de Vigo.
Segundo conta a dita empresa, entre as actividades programadas cómpre salientar a celebración este venres ás 11.00 horas dunha xornada sobre a innovación ao servizo da sociedade e as empresas. A sesión, que está organizada con Ineo, desenvolverase no Auditorio da Confederación de Empresarios de Pontevedra. Organizada ao abeiro de InnovaTe, dará acubillo a importantes especialistas en materia de telecomunicacións e canles dixitais da información.
O programa inclúe unha presentación de xornada a cargo do presidente de Telefónica en Galicia e Asturias, Ignacio Aller, e unha quenda de relatorios que contará coa presenza do presidente da Comisión de Innovación Ineo, Javier Álvarez Osuna (que falará sobre a innovación como estratexia de evolución empresarial), e máis do director xeral da firma Nextgal, Manuel Lagos (que amosará un caso de éxito nunha empresa que usa sistemas de localizadores GPS).
Asemade, a xornada contará coa participación do director de Relacións Internacionais e Programas Públicos de Telefónica I+D, José Jiménez Delgado, que fará un percorrido polos máis recentes desenvolvementos tecnolóxicos da división de investigación da dita operadora, facendo fincapé nas utilidades que estes traballos lle achegarán á cidadanía.

PUBLICIDADE