Telefónica e Galgus traballan para ampliar as zonas Wi-Fi de Sanxenxo e Marín

martes, 3 de novembro do 2020 S. P.

Telefónica Empresas e Galgus, compañía sevillana especializada en tecnoloxías de redes sen fíos, chegaron os días pasados a un acordo para conectar a través de redes Wi-Fi a uns 250.000 residentes de preto dunha trintena de localidades pertencentes a Andalucía, Aragón, Asturias, Illas Baleares, Castela e León, Estremadura e Galicia, onde o despregue da tecnoloxía farase en áreas de Sanxenxo e Marín.
Esta iniciativa encádrase na IV edición do programa WiFi4EU da Comisión Europea, cuxo obxectivo é “reducir a fenda dixital naqueles municipios que estean máis afastados dos centros urbanos e, polo tanto, poidan ter unha peor conectividade”. Para levalo a cabo outorga uns bonos de 15.000 euros a cada Concello para que melloren as redes que teñan ou despreguen unha nova. Nas catro convocatorias da iniciativa, que se iniciou no 2018, desembolsáronse até a data uns 120 millóns de euros.
Telefónica Empresas e Galgus tamén están a pór a disposición dos concellos un amplo catálogo de puntos de acceso Wi-Fi nos que corre a tecnoloxía Cognitive HotspotTM Technology (CHT) capaz de dotar ás ditas infraestruturas do factor “intelixencia”, o que permitirá optimizar, xestionar e analizar desde a nube calquera rede deste tipo. Cognitive HotspotTM Technology é un software patentado, multiplataforma e independente do hardware que optimiza os recursos de radio de xeito automático e que permite ao dono da rede dispor de servizos avanzados como a localización de dispositivos, a xeración de mapas de calor, a detección de hackers e a xestión segura na nube. Todo iso, informan Telefónica e Galgus, “permite mellorar o rendemento das redes nun 400%, á vez que se reducen os niveis de interferencia e o consumo eléctrico”. Hoxe máis de 600.000 usuarios usan a diario e en todo o mundo a tecnoloxía CHT de Galgus en empresas, centros educativos ou recintos deportivos, hoteis e resorts de luxo e tamén no transporte de pasaxeiros terrestre, marítimo e aéreo.

PUBLICIDADE