Telefónica e ElevenPaths levan a súa tecnoloxía de seguridade ao eido da Internet das Cousas

martes, 16 de febreiro do 2016 Redacción

Chema Alonso, director executivo de Eleven Paths, e José Luis Gilpérez, director de Cloud e Seguridade de Telefónica Dixital

Entre as cousas que se van presentar na vindeira edición de Mobile World Congress, que se inaugura o vindeiro 22 de febreiro en Barcelona, atópase unha tecnoloxía directamente encamiñada a crear ciberseguridade no eido IoT, ou sexa, na Internet das Cousas. Estamos a falar de Faast, tecnoloxía desenvolvida e impulsada por ElevenPaths, filial de Telefónica centrada no ámbito da protección TIC. Faast, máis polo miúdo, é quen de rastrexar, localizar e avaliar ameazas de seguridade pola vía das novas redes de comunicación. Esta capacidade abrangue tamén o eido IoT, un ámbito de gran crecemento e proxección (calcúlase que a día de hoxe máis de 20.000 millóns de dispositivos, electrodomésticos e cousas en xeral van precisar estar conectadas na vindeira década).
Faast tira partido da metodoloxía do pentesting persistente, que entre outras cousas permite ás empresas axeitar aos seus ritmos ao dos desenvolvedores de programas maliciosos, achegando revisións constantes da infraestrutura da empresa por parte de equipos de auditores (pentesters).
Segundo sinala Telefónica, estamos ante a primeira solución que equipa ás compañías e ás organizacións con recursos de ciberseguridade aplicábeis a dispositivos tecnolóxicos tradicionais e, tamén, aos seus sistemas do ámbito IoT, nos que se poden incluír cámaras web ou sistemas de videoconferencia, entre outros moitos obxectos. Faast, en definitiva, permite ás empresas facer seguimento continuo dos seus dispositivos e elementos conectados, e faino aplicando a filosofía dos ataques reais, controlados, o que redunda nun fortalecemento dos sistemas e no seu adestramento de cara a ameazas concretas e palpábeis guindadas por programadores malware. Por certo que o usuario pode xestionar as posíbeis feblezas das súas infraestruturas e dispositivos IoT a través do portal en liña Vamps (habilitado por ElevenPaths).

PUBLICIDADE