Telefónica e Cisco dan forma unha innovadora plataforma-obradoiro para redes converxentes

mércores, 17 de setembro do 2014 Redacción

As compañías tecnolóxicas Telefónica e Cisco deron a coñecer hoxe a formalización dunha avanzada plataforma de probas para avaliar e aplicar en colaboración as vantaxes e novas funcionalidades da converxencia das redes IP e as redes ópticas. Máis polo miúdo, o acordo diríxese a tirar partido dunha unificación concreta, a das xestións das capas de rede óptica e IP (Internet Protocol), e dun beneficio concreto, a mellora en eficiencia e o aforro de custos.
Isto significará, basicamente, que a operadora vai empregar a fondo a plataforma Cisco Open Network Architecture, que mestura hardware e software e que achega un amplo abano de novas funcións para as empresas de telecomunicacións, como por exemplo a posibilidade de virtualizar operacións de rede ou a de poder botar man de redes definidas mediante software.
Segundo se fai saber no acordo, Cisco e Telefónica traballarán conxuntamente empregando software Cisco WAN Automation Engine -que automatiza e optimiza a enxeñaría da rede WAN- habilitando a provisión de Acordos de Nivel de Servizo (SLAs, Service Level Agreements) flexíbeis e dando forma, segundo informan, “a unha mellor experiencia de usuario”. Tamén colaborarán en diferentes casos de uso sacados da topoloxía de rede de Telefónica, como por exemplo a restauración multicapa (multilayer restoration) ou a creación dunha ruta multi-dominio.
Telefónica xa expresou a súa intención de validar modelos que “lle axuden a minimizar o investimento en recursos redundantes e desaproveitados e acadar unha arquitectura de rede unificada máis eficiente, menos complexa e máis sinxela de escalar e operar, obtendo así importantes aforros de custos operativos e de capital”. Segundo engade a operadora, a súa plataforma de probas emprazada nas dependencias de Telefónica I+D, constitúe “a primeira da súa clase en España, e componse dun equipo multidisciplinar formado por enxeñeiros e investigadores de Cisco e de Telefónica”.

PUBLICIDADE