Telefónica desenvolverá en Galicia varios pilotos sobre 5G

venres, 3 de maio do 2019 Marcus Fernández

Telefónica resultou adxudicataria coa maior puntuación do programa de axudas do Goberno para o desenvolvemento e implantación de proxectos piloto 5G co obxectivo de impulsar a nova tecnoloxía e preparar o camiño cara ao desenvolvemento comercial do 5G, previsto a partir de 2021.
Os proxectos que se presentaron a esta convocatoria debían cubrir tres obxectivos: apoiar os despregamentos das primeiras redes 5G, experimentar coa xestión de rede que permite a tecnoloxía 5G e desenvolver casos de uso coa implicación tamén dos usuarios.
A proposta de Telefónica supón un investimento de 14,2 millóns de euros, para os que Red.es concede unha subvención de 4,6 millóns de euros. No proxecto, de dous anos de duración, desenvolveranse oito casos de uso en Galicia nos que se vai a experimentar e innovar sobre as capacidades tecnolóxicas do 5G, en concreto o seu grande largo de banda e baixa latencia; a arquitectura de rede NSA (non standalone) e SA (standalone); network slicing (segmentado de rede); edge computing (computación no bordo da rede) e tecnoloxía de antenas activas.
En concreto, os pilotos que Telefónica terá que desenvolver e implantar en liña coa súa proposta á convocatoria do Goberno son:
- asistencia á condución no túnel de Cereixal (Lugo) para mellorar a seguridade dos vehículos que transiten polo túnel (aviso de condicións meteorolóxicas á saída, anomalías no interior, pavimento deslizante/freada, accidentes/conxestión, alertas por gases, vehículos con mercadoría perigosa…)
- servizo de Movistar Fusión sobre acceso fixo radio 5G como solución alternativa á fibra en contornas urbanas de difícil despregamento e en contornas rurais de Vigo.
- supervisión da infraestrutura ferroviaria de Lugo mediante drons con cámara que recollen imaxes das vías para facilitar a súa inspección e mantemento.
- Industria 4.0, enmarcada no plan de dixitalización de Navantia Estaleiro 4.0, para asistencia técnica remota ás máquinas en produción con realidade aumentada e modelos 3D; visualización de pezas no escenario real para identificar posibles incidencias, e streaming 3D en tempo real para validar con exactitude os bloques construídos do barco.
- produción de eventos deportivos con TV5G no estadio de Riazor e na cidade deportiva de Abegondo (A Coruña) para dar cobertura tanto profesional como ao usuario de máxima calidade vía 5G.
- Ocuexplorer 5G: exploración e diagnóstico oftalmolóxico remoto en tempo real mediante a captura de imaxes en alta resolución en colaboración co centro Internacional de Oftalmoloxía Avanzada do Dr. Fernández-Vigo en Vigo.
Nestes proxectos Telefónica acode con outros solicitantes en unión temporal de empresas, en concreto Ericsson, Nokia, Telnet Redes Intelixentes, Cinfo, Idronia e Centro Internacional de Oftalmoloxía Avanzada. Ademais, participan como axentes do proxecto Huawei, INECO, Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación (COIT) e universidades e centros tecnolóxicos. Así mesmo confirmáronse como clientes colaboradores o Ministerio de Fomento, Navantia, ADIF, RC Deportivo e Movistar, xunto co apoio institucional da Xunta de Galicia, as deputacións provinciais da Coruña, Lugo e Ourense, e na provincia de Pontevedra, o Concello de Vigo. Ademais, Telefónica, como asinante do Nodo de cooperación 5G da Xunta desenvolverá en Galicia outros dous casos de uso baseados nesta tecnoloxía, en colaboración a Administración autonómica.
O espectro radioeléctrico a disposición de Telefónica de forma temporal para o desenvolvemento dos pilotos, que se estenderán ata o 31 de decembro de 2020, será nas bandas de 3,5 GHz e 26 GHz.

PUBLICIDADE