Telefónica dálle un pulo ó uso responsable do móbil entre os máis novos

martes, 1 de abril do 2008 Raquel Noya

A operadora nacional Telefónica vén de lanzar ó mercado o Play Pack SIMS 2 Mascotas, un teléfono móbil deseñado para os cativos da casa equipado coa última tecnoloxía e cunha gama de servizos orientados ó emprego responsable do dito aparello por parte de toda a familia. Este novo produto inclúe un terminal Nokia 2630 “personalizado”, co xogo SIMS 2 Mascotas, 3 demos de xogos EA Sports (Tetris, Pictionary e Air-Jockey), tres fondos de pantalla e un ton de chamada dos SIMS 2.
A novidade deste pack non é tanto o deseño da caixa que vén acompañada de autocolantes e de recortables dos populares personaxes virtuais coma os servizos incluídos en Xestión Familiar de Movistar, que permiten, entre outras cousas, que os pais controlen o consumo dos seus fillos.
Grazas a este servizo os proxenitores poden seleccionar as chamadas que poden facer os rapaces, configurar unha cantidade de recarga automática, bloquearlles o acceso a determinados contidos para adultos no móbil (Canguro Móbil) e localizar ós nenos en todo intre a través do servizo Localízame.
O produto complétase cunha guía para os pais coas instrucións para empregar o móbil de xeito racional e unha explicación pormenorizada de cómo activar cada un dos servizos incluídos no Pack así como unha restrición de chamadas e de SMS e MMS.
O prezo do Play Pack SIMS 2 Mascotas é de 79 euros dos cales a operadora doará 1 euro á Asociación de Apoio á Infancia, Aldeas Infantiles SOS.

PUBLICIDADE