Telefónica cualifica a sanción da Comisión Europea de “inexplicable” a anuncia un recurso inmediato

mércores, 4 de xullo do 2007 Fernando Sarasketa

Telefónica vén de emitir un comunicado (pdf) no que anuncia que solicitará a anulación da (en palabras da empresa) “inexplicable, inxustificada e desproporcionada” decisión que vén de tomar a Comisión Europea respecto á sanción por suposto monopolio. Cómpre lembrar que hai cuestión de horas o órgano europeo fixo saber que vai multar á operadora española con 151,8 millóns de euros polo que a institución considera un abuso “moi grave” de posición dominante no mercado español de Internet de alta velocidade. A resposta de Telefónica non se fixo agardar, e nela sinala que a súa actuación no mercado cumpriu “de xeito escrupuloso” coa normativa vixente imposta pola Comisión do Mercado das Telecomunicacións.
Sinalar que o comezo do proceso sitúase en 2001, cando Wanadoo denunciou á dita operadora polos prezos que esta lle cobraba a outras empresas polo emprego da infraestrutura. Segundo Wanadoo, os prezos impedían competir no mercado minorista. Telefónica, que ten o respaldo da CMT (que criticou xa a decisión da Comisión Europea) presentará en breve un recurso perante o Tribunal de Luxemburgo. Para Telefónica, esta é a primeira vez que a Comisión impón unha multa por estreitamento de marxes en relación a un servizo esencial como é o do acceso indirecto, “que nin sequera existe como obriga regulatoria nalgúns países do noso entorno”, engade.

PUBLICIDADE