Telefónica confirma que asumirá a extensión da banda larga na nosa terra

venres, 29 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Francisco Javier Rodríguez, director de Telefónica Galicia

Finalmente, e logo de que o avanzase onte La Voz, é Telefónica quen nolo confirma: a seguinte fase do Plan de Banda Larga da Xunta foi adxudicada provisionalmente á operadora. Isto, para comezar, significa unha serie de cousas. Por unha banda, que de confirmarse a resolución, a iniciativa para rematar coa nosa fenda dixital en zonas de especial illamento levando redes de alta velocidade a unhas 250.000 persoas non recaería nunha empresa galega, malia haber aquí potencial de abondo e compromiso coa terra para o despregue. Pola outra, que se apostará pola tecnoloxía UMTS-3G, que segundo Telefónica é a propia dos países máis avanzados, “o que redundará ademais nunha mellora da cobertura móbil no rural”, informa, ao tempo que se medra en escalabilidade, que é o potencial para incrementar funcións, servizos e velocidade de navegación co paso do tempo. Para Telefónica, é factíbel chegar aos 42 Mbps.
Malia tratarse dunha resolución provisional, a operadora española xa está a dispoñer efectivos. De feito, segundo informa nun comunicado, prepárase xa para executar un plan que suporá “un chimpo tecnolóxico cara ao futuro no rural galego, onde se verán beneficiados 11.349 núcleos sen acceso a Internet”. Para estes traballos, Telefónica investigará 64 millóns de euros, dos que 15 virán da man da Xunta. A operación, informa a operadora española, daría traballo a 250 persoas, “ás que se sumarán 412 técnicos da compañía que realizan arestora labores de instalación e mantemento das infraestruturas sobre o terreo”.

PUBLICIDADE