Telefónica avoga en FICOD por tirar partido das redes sociais para lograr un mellor acceso aos datos

venres, 25 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

A información ás veces é unha enleada. De non estar ben clasificada, distribuída e amosada, vale pouca cousa. A maiores, producimos coñecemento de máis, ou, mellor dito, fálase moito e dise ben pouco. Isto apréndese co tempo: os internautas que xa teñen unha experiencia entenderon hai anos como ir ao miolo do que lles interesa e, tamén, que os buscadores de meirande uso como Google ás veces non valen para nada. Pobres de nós como poñamos a palabra “descargar” no Google: poderemos facer de todo menos descargar o que queremos. Xa nun plano máis concreto e segundo contou esta semana diante da axencia Efe, ao abeiro de FICOD, o director de Investigación de Telefónica Dixital, Pablo Rodríguez, a información que nas redes é tanta que máis do 90% dos datos non se ven nin se analizan nunca.
As declaracións de Rodríguez, tamén responsábel do Centro de Internet e Multimedida da devandita operadora, apuntan ás redes sociais como recursos chamados a solucionar, en boa medida, o problema do exceso de coñecemento inútil e da ausencia de servizos que nos axuden a separar o gran da palla. Segundo fai saber Rodríguez e reflicten medios como El Progreso, estes servizos 2.0 axúdannos sen dúbida a atopar cousas, a diferenza doutros servizos, que enlean máis do que axudan: “As redes sociais, á parte dun método de comunicación, están a converterse nun dos mellores filtros que existen; moitas veces, os teus amigos saben máis de ti do que ti sabes. Ti, escolléndoos, estás, dalgunha maneira, escollendo un filtro da información que ves", apuntou. Rodríguez subministrou estes e ouros datos no transcurso do Foro Internacional de Contidos Dixitais, FICOD, que abriu as portas en Madrid e do que dimos cumprida información os días pasados dende Código Cero, tanto referíndonos ao seu programa como á presenza das empresas galegas. O director de Investigación de Telefónica tamén botou luz sobre unha cuestión que xa hai tempo que é un problema: o sobrepeso da Rede, en cuestión de datos, unha saturación que obriga a ter cada vez máis e máis potentes servidores, co gasto de enerxía que iso supón e cos problemas engadidos de contaminación que en última instancia se provocan. “No ano 2006”, dixo, “o tráfico de datos de Internet ascendeu a 161.000 millóns de xigas, mentres en que en 2010 foi de 588.000 millóns”.

PUBLICIDADE