Telefónica anuncia que a súa fibra óptica chegará este ano ao 86% da poboación de Vigo

luns, 14 de decembro do 2015 Redacción

Telefónica emitiu hoxe datos relevantes sobre as previsións a cuarto prazo da súa tecnoloxía FTTH (Fiber To The Home, ou sexa Fibra Até o Fogar) na cidade de Vigo. Segundo fixo saber a operadora, máis do 86% da súa poboación -unhas 253.000 persoas- poderá gozar ao remate de ano da fibra óptica até os domicilios de seu, en palabras da compañía “a tecnoloxía de datos máis avanzada do mercado”. Así llo trasladou hoxe o director de Telefónica en Galicia, Manuel Alonso, ao alcalde da cidade, Abel Caballero, durante unha reunión mantida no consistorio vigués na que Alonso lle explicou polo miúdo ao rexedor os detalles do despregamento. A día de hoxe, arredor de 105.000 vivendas da cidade gozan xa dos servizos que ofrece a FTTH.
Servizos entre os que se atopan os seguintes: velocidades de 300 Mbps, contidos audiovisuais en alta definición, videoxogos de última xeración ou capacidade para conectar varios dispositivos á vez coas mellores condicións de velocidade e calidade. Segundo fixo saber Alonso, o despregamento de FTTH na cidade olívica supuxo a contratación de máis de centenar de persoas e forma parte “do importante esforzo investidor que a compañía está a levar a cabo en Galicia en redes de nova xeración”.
Lembrar que até o de agora, Telefónica dispón de cobertura FTTH en máis de 400.000 vivendas e zonas industriais das principais cidades de Galicia e prevé superar, antes de 2016, as 520.000 unidades inmobiliarias conectadas a esta nova rede. Polo tanto, a curto prazo as vantaxes da fibra óptica da empresa chegarán ao 85% da poboación destas urbes (aproximadamente 1 millón de galegos). Segundo apunta Telefónica, a dita tecnoloxía salienta “pola súa alta capacidade e calidade de transmisión -o sinal é inmune ás interferencias externas e ás inclemencias meteorolóxicas-, ademais de por ofrecer maior seguridade”. Nos traballos de instalación da nova rede en Galicia, que segundo informa a firma “xeraron un emprego estimado en 1.000 persoas”, Telefónica deu prioridade ao despregamento a través das conducións xa existentes, “co obxectivo de reducir ao máximo as obras a pé de rúa e as molestias aos cidadáns”.
Telefónica dotou tamén nos últimos meses a todas as rúas e barrios de Vigo con tecnoloxía 4G, o que fixo posíbel, en palabras da operadora, “que o 100% da súa poboación poida gozar de contidos en alta definición, de videoxogos online ou descargar e compartir música de forma instantánea con velocidades de navegación en Internet de até 100 Mbps”. Para iso, engade, “foi precisa a implantación desta tecnoloxía de banda larga ultrarrápida móbil en 42 das estacións base urbanas existentes na cidade, e que até o momento traballaban con redes 2G e 3G”.
Asemade, Alonso explicou a Abel Caballero que a compañía conectou estas estacións á súa rede de fibra óptica, mellorando, “debido ás súas meirandes flexibilidade e capacidade de adaptación aos cambios e ás diferentes demandas”, o servizo de transmisión de datos ofrecido, que permite ampliar a capacidade ou tráfico de datos cursado en situacións de alta demanda. “Este feito”, sinalou Alonso, “supón un aumento da cobertura en interiores e unha maior capacidade da rede, adiantándose así ao previsíbel incremento nos vindeiros anos do uso de terminais 4G e da demanda de datos”.

PUBLICIDADE