Telefónica alíase con Starlink

mércores, 9 de agosto do 2023 Marcus Fernández

Telefónica Global Solutions anunciou hoxe o peche dun acordo con Starlink, a empresa de conectividade á Rede mediante satélites de baixa altura de SpaceX, de xeito que ofrecerá conexións á Rede de alta velocidade e baixa latencia alí onde non estea dispoñible mediante outras tecnoloxías de banda larga (principalmente no rural e en zonas remotas).
A integración de Starlink no catálogo de servizos de Telefónica está en marcha en México, e no que resta de ano irá realizándose tamén en Perú, Colombia, Chile, Brasil e España. Con Starlink pretenden ofrecer banda larga en casos de uso nos que a Internet por satélite tradicional non é dabondo, así como tamén mellorar cobertura e rendemento, e mesmo ofrecer solucións destinadas a traballar en mobilidade en vehículos, así como para servizos de datos para empresas.

PUBLICIDADE