Telefónica achegará un servizo pioneiro de protección auspiciado por Allot e MacAfee

venres, 10 de agosto do 2018 Redacción

A operadora Telefónica vén de unir forzas coas compañías de protección dixital Allot e McAfee para lanzar unha solución innovadora de ciberseguridade para PEME. Trátase, máis en detalle, dun servizo integrado que a operadora pon a disposición dos seus clientes, permitíndolles optimizar ao máximo a salvagarda das súas comunicacións (redes fixas e móbiles) pero tamén dos seus dispositivos móbiles e os seus computadores de sobremesa. Telefónica salienta o carácter “pioneiro” do servizo.
Como dixemos, trala solución, dándolle sustento e miolo, atópanse Allot Communications, referente en ferramentas innovadoras de seguridade e intelixencia de rede a nivel mundial (cuxas plataformas multiservizo están despregadas a día de hoxe en máis de 500 provedores de servizos na nube e en máis de 1.000 empresas), e máis McAfee, cuxos produtos de protección perante ameazas e malware están presentes en ducias de millóns de computadores de todo o mundo.
A iniciativa, sinala Telefónica, “xorde da necesidade actual no mercado dunha protección avanzada para as PEME que inclúa os dispositivos dos empregados”. Ademais, exponse como “unha nova solución de ciberseguridade totalmente paquetizada e que poida xestionar o propio cliente de forma sinxela”.
Segundo José Luís Gilpérez López, director executivo de Administracións Públicas, Defensa e Seguridade de Telefónica España, “dada a necesidade actual no mercado de ofrecer un servizo de protección para a rede fixa e móbil das empresas, consideramos que esta solución de prevención avanzada baseada na unificación de dúas robustas plataformas de seguridade pode achegar moito ás PEMES en ciberseguridade”. Gilpérez tamén salienta o “enorme potencial por parte de Telefónica para conseguir cocientes de penetración moi altos para este tipo de servizos”, co que se achanda o camiño para acadar “unha excelente fórmula de éxito no mercado”.

PUBLICIDADE