Telefónica achega os seus contidos aos máis de 2 millóns de españois con diversidade sensorial

mércores, 15 de xuño do 2016 Redacción

Esta semana a operadora Telefónica presentou un novo e ambicioso proxecto anti-fenda dixital. Trátase do proxecto Movistar+ 5S, unha proposta que a compañía cualifica de “pioneira” e que ten como obxectivo achegar o lecer dixital aos dous millóns de persoas que teñen no ámbito estatal diversidade funcional sensorial. Máis polo miúdo, preténdese “ofrecer por vez primeira nunha televisión contidos cos tres sistemas de accesibilidade integrados nunha mesma ferramenta”. Estes tres sistemas son: audiodescrición, subtítulos para persoas xordas e lingua de signos.
O acto de presentación, celebrado este martes 14 (coa presenza da raíña Letizia e do presidente da operadora, José María Álvarez-Pallete), coincidiu de maneira significativa co Día Nacional das Linguas de Signos Españolas. Movistar+ 5S, informou a firma de telecomunicacións, mobilizará un investimento anual de máis de 1 millón de euros. “Permitirá aos ditos colectivos”, engadiuse, “gozar dos contidos de Movistar sen límites e acceder á cultura e ao lecer ao mesmo tempo que o resto da poboación”. O servizo será de balde e compatíbel cos sistemas operativos iOS e Android. Para accedermos a el só teremos que descargar a aplicación Movistar+ 5S. Logo teremos que elixir a modalidade de LSE dependendo das nosas características sensoriais.
Con Movistar+5S, as persoas xordas teñen a posibilidade de elixir os subtítulos/texto no seu smartphone ou tableta ou, tamén, visualizar na pantalla do seu dispositivo a imaxe dun intérprete de LSE sincronizada cos diálogos da película ou serie de TV. Pola súa banda, as persoas cegas poden escoitar a audiodescrición do filme a a través duns auriculares conectados ao dispositivo móbil.
Nesta primeira fase, o servizo lánzase con máis dun centenar de películas e series, entre os que se inclúen Mad Max, Oito apelidos cataláns, Os Minions 3, Zootropolis, Nación Secreta, Spotlight, Penny Dreadful, Outlander ou Better Call Saul. O obxectivo é incluír cada mes 35 estreas de cinema e 70 episodios de series. “Isto”, informou Telefónica, “representa unha importante ampliación da oferta de accesibilidade nas canles en directo de Movistar+, que xa viña ofrecendo o 95% dos seus contidos novos adaptados para as persoas xordas, do mesmo xeito que toda a publicidade”.

PUBLICIDADE