Telefónica achega a Ecuador chamadas de balde e material tecnolóxico para rescates

mércores, 20 de abril do 2016 Redacción

Telefónica vén de habilitar unha campaña de axuda solidaria para a Ecuador, co fin de contribuír á eficacia no rescate e a establecer as mellores comunicacións posíbeis entre as persoas afectadas polo terremoto do pasado luns. Isto abrangue o envío de 60 teléfonos satelitais e máis un avión con seis expertos que axudarán nos traballos de localización e recuperación das vítimas. Ademais, as filiais da compañía en Venezuela, Guatemala e Ecuador ofrecen dende o mesmo 18 de abril chamadas de balde a quen teña familiares e amigos na contorna.
A operadora de raizame española forneceu xa ao Goberno ecuatoriano con medio cento de teléfonos vía satélite. Outros 9 equipos instaláronse nos PSEM, que son os Puntos de Servizos Emerxentes Móbiles, unidades móbiles que subministran, dende as zonas afectadas, chamadas de balde para todas as persoas que o requiran.
Por outra banda, Movistar Ecuador ofrece aos seus clientes durante todo o mes de abril mil SMS e mil minutos de chamadas ás zonas de Manabí e Esmeraldas, “pondo a tecnoloxía a disposición das familias”, sinala a operadora.
A todo o devandito súmase unha iniciativa artellada a través da Fundación Telefónica (programa Voluntarios) que inclúe o lanzamento dunha plataforma internacional para que todos os empregados e colaboradores do Grupo poidan canalizar as súas doazóns para pór o seu gran de area en todo tipo de accións solidarias en Ecuador. Todo isto a través das páxinas web de Voluntarios Telefónica, a Fundación Telefónica e todas as intranets do grupo.
Segundo engade a compañía acerca dos traballos concretos desenvolvidos até o día de hoxe, o equipo de Ecuador traballou “intensamente” desde o primeiro momento para restituír o servizo das estacións base caídas polo terremoto, así como en apoiar ao Goberno de Ecuador en transmitir a través de SMS as instrucións de seguridade á cidadanía. En Manabí, a maiores, restableceuse o servizo da fibra óptica e o 53% das estacións base de 2 G e o 30% das de 3G xa están en funcionamento, explica Telefónica, que lembra que os seus técnicos seguen a traballar para “o restablecemento total nas zonas de Guayas e Esmeraldas”.

PUBLICIDADE