Telefónica Open Future consolídase como o principal investidor corporativo español en Venture Capital

xoves, 7 de xaneiro do 2016 Redacción

Telefónica, a través do seu programa Open Future, terminou 2015 como un dos investidores corporativos máis relevantes en España no campo da innovación aberta e investimento en Venture Capital e un dos máis importantes a nivel europeo. Con presenza en 17 países, Open Future investiu en máis de 600 startups (fronte ás 315 que existían hai ano e medio), acelerou 850 proxectos empresariais e conta con máis de 85 socios públicos e privados.
O investimento comprometido en Venture Capital mediante os vehículos de investimento como Telefónica Ventures e os Fondos Amerigo no que participan, entre outros organismos, o CDTI ou AECID, foi de 349 millóns de euros nos últimos 4 anos, consolidando á compañía como un dos investidores en capital risco máis potentes do territorio nacional. A distribución xeográfica destes fondos comprometidos é do 9% en España, 11% no resto de Europa, 13% en América latina e o restante 68% está repartido entre USA, Israel e o resto do mundo.
Para Ana Segurado, directora de Telefónica Open Future ”no último ano e medio constituímonos como unha ferramenta fundamental para Telefónica na súa estratexia dixital, converténdonos nun observatorio privilexiado para detectar, captar e incorporar a revolución tecnolóxica co obxectivo de poñelo ao servizo tanto da compañía como dos seus clientes coa finalidade última de ir introducindo estas innovacións na sociedade”. De feito, o 20% das startups colabora activamente coas diferentes áreas da empresa para realizar desenvolvementos comerciais conxuntos.
As operacións máis destacadas son as realizadas por Carto DB e Job & Talent, ambas as startups foron investidas por un vehículo de investimento de Telefónica Open Future chamado Amerigo Innvierte Spain Technologies e xestionadas por Kibo Ventures, habendo levantado 21 e 23 millóns de euros, respectivamente.
Os fondos Amerigo tamén estiveron presentes noutros tres exemplos de empresas que levantaron importantes roldas de financiamento en Europa, como son: Packlink, tamén investida por Amerigo Innvierte Spain Ventures e xestionada por Active Venture Partners e que na súa última rolda de investimento levantou 12 millóns de euros; a alemá Tado xestionada por Shortcut Ventures que levantou 17 millóns de dólares no 2015, ou a inglesa SumUp tamén participada por Shortcut Ventures, que conseguiu levantar 11 millóns de dólares no mes de agosto.
As startups de Wayra tamén deron mostras de gran dinamismo, espertando o interese investidor. No último ano e medio producíronse 7 exits ou vendas de empresas participadas, entre as que destacan: a compra da irlandesa Trustev por parte de TransUnión, a da española Marfeel por Nauta Capital, Elaia Partners e BDMI, e a arxentina ComentaTV, adquirida por Wayin, o que permitiu multiplicar por 22, 6 e 4 veces, respectivamente, o investimento inicialmente realizado.
Segundo Startup Europe Platform, o ecosistema de startups en Europa elaborado pola UE en base a datos de Angel List, Crunchbase e Seed DB, Telefónica Open Future está presente no 32% de todo o scaleup español (empresas emprendedoras que levantan máis de 1 millón de euros e escalan a unha segunda fase). Para Javier Pracer, CEO de Telefónica Open Future, “estes datos avalan a estratexia de Telefónica e anímannos a conseguir o mesmo tanto no resto de Europa e América latina, como en Asia e África a través dos nosos socios, maximizando así o valor da actual rede de innovación aberta”.

PUBLICIDADE