Telefónica, Ferrán Adrià e Disney crean a primeira app para cociñar en familia

mércores, 23 de novembro do 2016 Redacción

Onte presentábase no Espazo Fundación Telefónica de Madrid a aplicación móbil de Telefónica O teu conto na cociña, unha ferramenta apadriñada por Disney e un dos chefs máis senlleiros do panorama gastronómico estatal e internacional, Ferrán Adrià. Esta ferramenta nace coa vontade de espallar os hábitos saudábeis e o feito de cociñar en familia. Indo á aplicación, cómpre dicir que está dispoñíbel para Android e iOS, ten un prezo de 3,99 euros e forma parte do proxecto multiplataforma que botaba a andar en abril coa presentación do libro interactivo Cóntoche na cociña, que se suma ao libro electrónico, á web, aos espazos televisivos en Disney Channel e ao propio Blog de Ferran Adrià.
O teu conto na cociña, é unha app encamiñada a introducir o mundo culinario e unha nutrición saudábel na contorna da familia de xeito interactivo, lúdico, con técnicas de gamificación (adaptación a contornas reais de procedementos propios do lecer tecnolóxico) e personalizado para cada usuario. “Grazas á aplicación”, fíxose saber na presentación, “todos os membros da familia enfrontaranse a retos, xogos e unha gran variedade de receitas con total interactividade”.
A app traslada ao usuario a unha cociña virtual interactiva cun movemento de 360º desde onde accede aos contidos e descubre mensaxes ocultas. Permite tamén personalizar a experiencia, pois achega a posibilidade de engadir ao avatar características físicas para asemellalo ao usuario real.
A aplicación presenta 24 receitas de Ferran Adrià inspiradas nos mundos de Disney, Pixar, Marvel e Star Wars ás cales se accede a través de iconas moi recoñecíbeis repartidas por toda a cociña 360º. Amais, a aplicación explica a elaboración de cada receita grazas ás ilustracións animadas para converterse nun delicioso prato e nun cómic personalizado.
Esta metodoloxía, creada e desenvolvida por elBullifoundation, denomínase Sapiens e axuda a comprender a cociña desde un enfoque novo e máis amplo.
Para o proxecto global, contouse co asesoramento nutricional do Hospital Universitario La Paz, sumándose a este proxecto Carrefour (como patrocinador) e a Obra Social La Caixa (como colaboradora).

PUBLICIDADE