Telefónica España captou o 99% das altas en fibra óptica realizadas ata o pasado xuño

martes, 11 de setembro do 2012 Raquel Noya

As vantaxes que achega a fibra óptica fronte ao ADSL (velocidade simétrica, maior velocidade, mellor oferta de servizos conxuntos...) fan que cada vez sexan máis os usuarios que deciden apostar por esta tecnoloxía, malia que ata o de agora só se poida gozar dunha boa relación calidade-prezo nas principais cidades do país.
Aquí en España, segundo datos publicados pola Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT), ao remate do primeiro semestre do ano había un total de 241.121 usuarios de fibra óptica, dos cales o 96% están xestionados por Telefónica.
E é que a nosa operadora máis internacional captou no primeiro semestre do ano máis de 69.500 novos clientes no seu negocio de fibra óptica, acadando a finais de xuño os 232.512 clientes.
Isto significa que a compañía absorbeu o 99% do total das altas rexistradas no mesmo período no ámbito da fibra óptica, acadando un impulso difícil de repetir por parte doutra operadora.
O avance de Telefónica neste negocio coincidiu coa aceleración da actividade de despegue de infraestruturas e de promoción nas principais cidades españolas, como Madrid, Barcelona e Valencia”.
Agora Telefónica, que puido compensar lixeiramente o retroceso que sufrira no ADSL, vén de anunciar que investirá preto de 320 millóns de euros en fibra óptica este ano, fronte aos 256 que investiu en 2011, a fin de poder manter o ritmo ata 2015 “para que a metade dos fogares españois teñan acceso a Internet a unha velocidade de 100 megas”, afirmou.
Para levar a cabo esta “misión tecnolóxica”, a compañía deberá investir preto de 900 millóns de euros entre 2013 e 2015.

PUBLICIDADE