Telefónica, CaixaBank e Santander sentan os alicerces dunha nova compañía centrada en novas oportunidades TIC

xoves, 30 de maio do 2013 Redacción

César Alierta, presidente de Telefónica, nunha imaxe recente de EFE

CaixaBank, Santander e Telefónica veñen de asinar un acordo para o afianzamento dunha sociedade conxunta que impulse novas oportunidades de negocio TIC. A alianza, segundo as partes implicadas a primeira destas características que se leva a cabo en Europa (unindo entidades financeiras e unha operadora de telecomunicacións a prol de novos servizos dixitais), iniciará a súa actividade coa xestión dunha comunidade en liña que facilite a relación entre comerciantes e consumidores en materia de ofertas, descontos e promocións. Esta comunidade será unha nova ferramenta para potenciar as vendas dos comercios, engaden.
A maiores, a compañía conxunta traballará nunha carteira dixital que permitirá aos seus usuarios acubillar tódalas tarxetas de seu. Polo tanto, serviralles non só para identificarse nos establecementos comerciais, senón tamén para levar a cabo compras na comunidade dixital. Tamén lles achegará un servizo de pagos de diñeiro de persoa a persoa (P2P) a través do móbil.
A nova compañía informou que ten programado abrir en breve un proceso de espallamento a outros países, “dada a extensa presenza internacional dos socios e a actual oportunidade de mercado para novos servizos ligados á dixitalización”. O acordo tamén asenta os alicerces para a incorporación de novos socios, que poidan achegar recursos tanto para o desenvolvemento de servizos como para o medre internacional, así como a posibilidade de que outras entidades poidan ofrecer os servizos da nova sociedade. O acordo, informa Telefónica, permitirá á compañía que se creará entre CaixaBank, Santander e Telefónica “desenvolver proxectos de innovación no ámbito dos negocios dixitais, co potencial de chegar, soamente en España, a máis de 600.000 comercios”.
Para José María Álvarez-Pallete, conselleiro delegado de Telefónica, o acordo asinado responde á fonda transformación que está a sufrir o noso comportamento á hora de mercar: “As tecnoloxías dixitais están a mudar como os consumidores buscan os produtos e identifican os mellores prezos, promocións e descontos. Esta nova compañía combina o experiencia en servizos tecnolóxicos e financeiros dos seus socios para crear un ecosistema tanto para o beneficio dos consumidores como do comercio”.

PUBLICIDADE