Telecinco amosa en Diario de… o amplo negocio do sexo en Internet

martes, 28 de abril do 2009 Raquel Noya

O programa Diario de…, que conduce a xornalista Mercedes Milá tódolos martes na canle privada Telecinco, vainos achegar esta noite ao escabroso (máis que nada dende o punto de vista da presentadora) mundo do sexo en Internet, abordando varias cuestións que deixan ao descuberto a utilidade da Rede para levar a cabo certo tipo de prácticas sexuais que nunca antes se terían concibido de non ser pola existencia de Internet.
Con tan só teclear a palabra “sexo” en calquera buscador de contidos na Rede, aparecen na nosa pantalla máis de 95 millóns de entradas con todo tipo de contidos que se presentan a disposición de calquera usuario (con independencia da súa idade), tales como orxías privadas, mozas webcam (mulleres que exhiben o seu corpo espido perante unha cámara para satisfacer as fantasías sexuais dos internautas a cambio de cartos), castings pornográficos, vídeos e fotografías que reproducen escenas sexuais…en definitiva, contidos que o equipo de Diario de… analizará a fondo para presentárnolos a modo de denuncia social... e de gancho para a audiencia.
Os reporteiros do programan constatan que a raíz da crise está a medrar o número de españolas que, grazas ás webcams, obteñen ingresos cos que paliar as dificultades económicas que atravesan, pero isto é un xogo de nenos comparado con outro dos costumes sexuais que lles foi advertida mediante un correo electrónico á redacción de Diario de… días atrás: as festas Bareback, un estraño tipo de diversión no que os participantes xogan a infectarse co virus da SIDA.
Por outra banda, Mercedes Milá explicará que o emprego de Internet se vén de converter nunha ferramenta para practicar distintas relacións sexuais no ambiente gay, como son o cruising ou o dogging, e advertirá dos perigos que oculta a Rede para os menores, que máis veces das desexadas se converten en inocentes vítimas dos xogos sexuais dos adultos por Internet.

PUBLICIDADE