TeleBNG acada os 230.000 vídeos vistos, superando as cifras do PPdG e o PSdeG

martes, 2 de marzo do 2010 Fernando Sarasketa

O Bloque Nacionalista Galego vén de facer reconto dos logros comunicativos acadados a través da súa canle en YouTube, TeleBNG, espazo onde semella ter conseguido a maior audiencia das plataformas televisivas das formacións políticas galegas, segundo fai saber nun informe. A canle do dito partido no servizo de vídeos en liña conta a día de hoxe con 229.854 vídeos, “diante dos 97.695 do PSdeG e dos 67.380 do PpdeG”, sinalan fontes do BNG, que tamén ten datos sobre o valor destes datos con relación a outras autonomías. Deste xeito, a canle TeleBNG só sería superado pola de Convergencia i Unió, que lidera o número de vídeos vistos con 278.910. A canle galeguista, por certo, tamén acadaría bos resultados se comparamos o acadado por Esquerra Republicana, formación nacionalista catalá que rexistra 145.277 descargas. No caso do Partido Nacionalista Vasco, ten 72.545 vídeos vistos.
“Pódese destacar”, manifestan fontes do Bloque, “que en canto ao número de subscritores, o BNG tamén encabeza o ranking, con 385; fronte aos 67 do PSdeG e a 1 único usuario-administrador do PpdeG”.
Segundo os datos achegados pola plataforma Youtube, TeleBNG recibiu 68.681 visitas dende a súa creación; PsdeG-PSOE TV, 12.794; e PPdeG TV, 21.559.
Na canle do BNG hai 262 vídeos publicados até o momento, cun promedio de 800 visualizacións.

PUBLICIDADE