Tegnix achega ofertas de traballo para labores de desenvolvemento de negocio e docencia

venres, 12 de abril do 2013

A empresa galega Tegnix, centrada na achega de programas libres e actividades de formación e asesoramento empresarial, lanzou unha campaña de recollida de currículos co fin de ampliar o seu equipo de traballo e, maiores, o seu radio de alcance no mercado. A empresa, que comezou en 2004 a súa andaina de consultora especializada en programación aberta, está a abordar na actualidade múltiples proxectos tecnolóxicos e accións formativas a través da aula de seu (Aula Tegnix), con calidade certificada. Isto, unido a un claro proceso de medre e de ampliación de horizontes e temáticas a tratar, está a motivar a busca de unha/un responsábel de desenvolvemento de negocios e unha serie de equipos de docentes para a súa vertente de ensino.
No convite aos profesionais que desexen integrarse na empresa (a xuízo dos seus responsábeis, unha iniciativa ética e comprometida co coñecemento aberto), especifícase o perfil que se require para a vacante de responsábel de desenvolvemento de negocios: profesionais afeitos a traballar cunha orientación a resultados e rendibilidade, que saiban moverse con autonomía e responsabilidade e que sexan quen de asumir riscos. A cambio de toda esta experiencia que traia cada aspirante, ofrécese participar “no espallamento do proxecto, traballando cun equipo de persoas comprometidas coas tecnoloxías libres e os seus beneficios para a sociedade”.
Polo que atinxe á procura de novos equipos docentes, o que se pretende é ampliar a oferta formativa da empresa, canalizada a través da Aula Tegnix. Isto é o que se procura, máis en detalle:
2 docentes especialistas en Python
2 docentes especialistas en Django
2 docentes especialistas en PostgreSQL e bases de datos libres
2 docentes especialistas en Migracións a Software Libre
2 docentes especialistas en RedHat
1 docente especializado Arduino
1 docente especializado R Project, estatística científica
Segundo informa a empresa, admítense outras especialidades que poidan acreditar un mínimo éxito de convocatoria, “sempre compartindo beneficios e riscos”.

PUBLICIDADE