Tegnix achega o día 11 no CDTIC unha demostración das capacidades e vantaxes de Owncloud

mércores, 3 de decembro do 2014 Redacción

O vindeiro xoves 11 de Decembro a partir das 10:30 horas, a empresa galega Tegnix, centrada en solucións abertas e formación ligada ao software libre, realizará unha demostración das capacidades técnicas de Owncloud no Centro Demostrador TIC da Xunta de Galicia. Como lembraremos, Owncloud é unha plataforma libre que xa está dispoñíbel en galego (da man da comunidade de tradutores a través da plataforma Transifex) e que achega todo o que podemos precisar para estarmos nunha nube, tanto a nivel persoal ou empresarial como no que se refire a un grupo de persoas que precisen compartir ficheiros de calquera tipo. A sesión do día 11, a cargo de Carlos Rodríguez, irá enfocada cara ás necesidades que teñen as entidades privadas e públicas coa xestión da súa información na contorna lexislativa español e europeo.
Segundo informa Tegnix, Owncloud destaca tamén por poñer en xogo un elemento moi salientábel de liberdade de movementos e privacidade propia, e máis se temos en conta que “o emprego de servizos de balde como Dropbox, Google Drive ou Onedrive pode non ser legal par as entidades españolas debido aos seus condicionados que determinan basicamente que os datos persoais almacenados neles poden ser revisados, manipulados ou mesmo cedidos a terceiros con fins comerciais”. Para Tegnix, empregar as solucións de balde devanditas para almacenar datos persoais como NIF, números da Seguridade Social ou simplemente correos electrónicos é cando menos irregular segundo a LOPD española.
A través do portal de Mancomún explícase o servizo de Tegnix de almacenamento na nube con Owncloud que ofrece “a solución perfecta no que se refire a protección de datos”. Como lembraremos, Tegnix é unha das empresas que provén o devandito sistema libre de nube, xunto con Openinnova. Tanto unha como outra empresa destacan a capacidade de adaptación da solución, a súa madurez así como que a empresa pode manter a privacidade e control da súa información.

PUBLICIDADE