Tecnópole recompensará o apadriñamento de empresas no seu seo

martes, 19 de maio do 2015 Redacción

O Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole informou esta semana dun sistema que recompensa aquelas iniciativas con sede no complexo ourensán que amosen potencial de atracción para outras iniciativas e que, ademais, sexan quen de poñelo en marcha e aplicalo. Segundo informan fontes da Tecnópole, aquelas empresas con sede no recinto que actúen de introdutoras de novas firmas obterán un desconto na súas facturas de servizos equivalente á metade do importe que a nova inquilina desembolse en concepto de custos fixos (aluguer, internet, telefonía, etc.) durante o seu primeiro mes de estadía. A iniciativa busca dinamizar a instalación en Tecnópole (como lembraremos no concello ourensán de San Cibrao das Viñas) de novas iniciativas de negocio baseadas na innovación e a tecnoloxía.
A maiores do devandito, sinalar tamén que a dirección do parque, como parte do incentivo deseñado co devandito obxectivo, decidiu que as novas empresas que entren baixo esta fórmula obterán tamén un desconto do 50% na súa primeira factura de servizos. Esta vantaxe, sinala a Tecnópole, será aplicábel en calquera das modalidades de acollida que o Parque Tecnolóxico de Galicia ofrece para empresas, “dende a incubación de iniciativas emprendedoras até a ocupación dunha parcela propia, pasando polas oficinas en réxime de aluguer e a domiciliación virtual”.
Doutra banda, os responsábeis do complexo tecnolóxico ourensán tamén informaron que dende este mes as empresas xa instaladas beneficiaranse de melloras no seu acceso aos servizos ofrecidos pola entidade e dunha optimización das condicións para emprendedores, “co obxectivo de aliviar a carga económica que soportan os negocios novos durante as súas primeiras etapas”. Así, a tarifa lineal por metro cadrado que se aplicaba para os niños da incubadora (4,75 €/m2 ao mes) deixa paso a un custo fixo máximo de 118,75 euros mensuais para os locais de até 50 metros e descontos importantes para os que superen esta superficie. Para todas as empresas, increméntase de un a dous os usos gratuítos das salas de reunións cada mes e ofrécese a posibilidade de domiciliación virtual doutra empresa asociada por só 47,50 €/mes.

PUBLICIDADE