Tecnópole acolle este venres un evento informativo sobre os empréstitos á innovación de ENISA

xoves, 11 de abril do 2013

Este venres día 12, a Tecnópole vai dar acubillo a un evento especialmente indicado para os empresarios, presentes e futuros, quen estean á procura de apoios para os seus proxectos de índole tecnolóxica. Trátase, máis polo miúdo, dunha xornada informativa sobre os empréstitos participativos da Empresa Nacional de Innovación (ENISA), dirixidos a apoiar a creación, crecemento e consolidación de proxectos empresariais mediante un presuposto total de 126 millóns de euros.
A asistencia á sesión, organizada pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE), é gratuíta e debe formalizarse na propia web da Tecnópole. Na xornada, prevista para as 12 horas, exporanse as liñas de financiamento dispoñibles e ofrecerase información práctica sobre os procedementos operativos para tramitar solicitudes.
ENISA ofrece empréstitos de tipo participativo con importes que oscilan entre 25.000 euros e 1,5 millóns de euros a proxectos empresariais impulsados por emprendedores e pequenas e medianas empresas de calquera sector de actividade, agás inmobiliario e financeiro. Segundo nos lembran dende o complexo empresarial ourensán, este tipo de empréstito é un instrumento financeiro que se atopa a medio camiño entre os empréstitos tradicionais e os investimentos de risco (capital risco ou capital semente), que non precisa de máis garantía nin aval que un plan de negocio viable e de calidade.

PUBLICIDADE