Tecnoloxía galega no concurso de Oulu para crear a cidade dixital do futuro

xoves, 16 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

Unha vista de Oulu, achegada por Antía Fernández

Hai presenza galega entre os catro finalistas seleccionados no concurso UBI Challenge da Universidade de Oulu, Finlandia, encamiñado a recoñecer as máis salientábeis propostas internacionais para a creación e posta en marcha dunha cidade intelixente. Segundo nos conta Gradiant, esta achega nosa vén da man da Universidade de Vigo e máis do dito centro de investigación, emprazado precisamente no Campus vigués. A proposta galega no certame UBI (Urban Interactions), destaca grazas en boa medida grazas á súa aposta por un espazo urbano onde o cidadán interactúa coa informática ou a computación de xeito natural e transparente. Subliñar que o programa UBI, no que se insire o concurso, diríxese a habilitar un prototipo funcional dunha urbe intelixente e sustentábel, arela materializada xa nunha infraestrutura innovadora de todo tipo de equipamentos e servizos na devandita localidade finesa.
Co certame do que estamos a falar, a Universidade de Oulu quere convidar a toda a comunidade científica mundial a colaborar activamente na súa iniciativa co envío masivo de propostas. Segundo nos conta Gradiant, de tódalas recibidas escolléronse catro para ser desenvolvidas, integradas e probadas en Oulu, sendo unha delas a achegada pola Universidade de Vigo e o centro galego de investigación, de nome RunWithUs. As restantes veñen da man da comunidade tecnolóxica de Grecia, Suíza e Alemaña.
Nos últimos anos”, coméntase dende Gradiant ao fío da súa proposta, “estamos a asistir a continuos cambios nos modos de interacción entre persoas e computadores, afastándonos do modelo tradicional escritorio-ordenador e da man de teléfonos móbiles e tablets con conexión permanente a Internet”. Con todo, a evolución non fica nese punto, e os sistemas de procesado de información intégranse cada vez máis nosas tarefas cotiás e nos dispositivos que empregamos para realizalas. “Este novo modelo de interacción entre persoas e sistemas de procesado de datos chámase computación ubicua”, engade.
As faces desta integración son moitas e diversas, tendo en conta a longa listaxe de espazos nos que se pode dar (fogar, oficina, vehículo, escenarios públicos, rúa, cidade) e os dispositivos postos en xogo. Albiscar as posibilidades disto, ver até onde podemos chegar, adiantar vantaxes para a nosa calidade de vida é un dos obxectivos da Universidade de Oulu, que pon a disposición da comunidade investigadora mundial a súa infraestrutura para que aquela poida deseñar, probar e avaliar as súas aplicacións sobre un contorno real e despregado sobre toda unha cidade. A raizame disto, convocouse en 2010 o concurso UBI Challenge, no que se facía un chamamento para o envío de propostas. De todas as recibidas, escolléronse catro para probalas virtual e fisicamente en Oulu, sendo unha das escolmadas a viguesa.
Tanto en Gradiant como na Universidade de Vigo”, engade o centro de investigación, “estamos a traballar en temas relacionados coas cidades intelixentes, temos varios proxectos nesta liña e participar neste desafío coa Universidade dábanos a oportunidade de colaborar con grupos doutros países”, sinala Javier González, director da área de Redes e Aplicacións de Gradiant. E continúa Felipe Gil , coordinador do proxecto e profesor da Universidade de Vigo, logo da experiencia levada a cabo na cidade viguesa: “É estupendo poder probar a aplicación nun escenario real, Oulu ten uns 3.000 puntos de acceso Wi-Fi por toda a cidade, Bluetooth, redes de sensores, displays... Non hai moitas cidades así no mundo, e todo isto permite facer probas de validación fóra do laboratorio”. Segundo engade, a aplicación galego presentou “como é lóxico” algúns erros, pero o grao de satisfacción é alto.
A previsión é seguir traballando no proxecto até xullo, mes no que as aplicacións faranse visíbeis e ficarán dispoñíbeis para o uso de tódolos cidadáns de Oulu. Ao longo de xullo e agosto, xuntarase toda a información sobre o uso destas ferramentas e, a finais do verán, os equipos presentarán resultados. Un pouco máis adiante, na recta final de 2011, daranse a coñecer os resultados nun congreso en Pequín.
RunWithUs
A aplicación galega é un servizo creado para motivar aos cidadáns na práctica do deporte. Pon en xogo unha rede social na que os usuarios poden compartir as súas actividades de adestramento e os resultados coas súas amizades e competir con elas. Os destinatarios deste recurso rexístranse nos displays espallados por toda a cidade e a través das infraestruturas Wi-Fi de Oulu e dos seus propios dispositivos dotados con acceso sen fíos. Os resultados fican rexistrados, con información relativa á duración, velocidade e percorridos. Ao mesmo tempo, poderán compartir os seus rexistros e acceder aos dos seus contactos, como por exemplo as súas rutas favoritas. As persoas inscritas poden consultar tamén cales dos seus amigos está a facer deporte nese intre.
Os proxectos seleccionados
1. RunWithUs, Universidade de Vigo e GRADIANT
2. Clio, Research Academic Computer Technology Institute (Grecia)
3. Digifieds, University of Lugano (Suiza)
1. Funsquare, University of Duisburg-Essen (Alemaña)

PUBLICIDADE