Tecnoloxía en 3D e xeolocalización para as nosas rutas homologadas de sendeirismo

luns, 28 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

A nosa terra conta cun potencial altísimo en materia de sendeirismo. Vale que a presenza cada vez maior de eucaliptos afea o conxunto (e o malogra), pero non hai dúbida de que temos moito que amosar. Ademais, se aos ollos que ten cada persoa que nos visite e que nos camiñe lles engadimos un terceiro ollo, o do móbil con GPS, entón xa non hai escusa para gozar da contorna nin tampouco para extraviarse, que esa é outra. O caso é que Turgalicia púxose mans á obra para asegurar este servizo, o de cubrir con tecnoloxías en 3D e xeolocalización a través do noso dispositivo un total de 62 de sendeirismo.
O resultado é pois a incorporación destes servizos nos itinerarios que se inclúen no catálogo Galicia, sendas para descubrir un país, que non son tódolos que son, senón só os homologados. Esta visión completa das nosas rutas está dispoñíbel xa en páxinas web como Wikiloc.com, Everytrail.com ou Ikimap.com, que subministran a información habitual dos itinerarios cos devanditos engadidos de xeorreferenciación e vista en 3D. A maiores, e segundo se nos informa en La Voz, a achega tamén fornece á comunidade de camiñantes de datos de altitude, dificultade, distancias entre un enclave turístico e outro e, tamén, descargas directas para o móbil de cada quen. Isto tradúcese en que coa axuda do GPS, poderemos tirar o máximo proveito do percorrido, sabendo en todo intre onde estamos e que distancia queda para o seguinte punto, a velocidade ou o tempo que cómpre dedicar á ruta ou aos seis treitos.
Amais disto, vainos permitir solucionar posibles problemas de sinalización, que veñen dados por múltiples factores e que non deixan de ser previsíbeis en contornos naturais.

PUBLICIDADE