Tecnoloxía GPS para axudar na preservación dos nosos lobos

luns, 17 de outubro do 2011 Redacción

A Consellería de Medio Rural informou esta fin de semana do emprego de diversa tecnoloxía de telecomunicacións para o estudo e seguimento da nosa fauna. Máis polo miúdo, de tecnoloxía para afondar nas investigacións sobre o lobo e o seu comportamento natural e en relación á cada vez máis frecuente “perturbación humana”. Cos datos que se obteñan, sinala Medio Rural, farase máis doado o traballo para a súa protección, sobre todo a través dunha mellora das condicións en que estes animais conviven con nós e outras especies.
A iniciativa consiste na aplicación de sistemas GPS-GSM para facilitar seguimentos vía satélite do lobo ibérico, unha liña de acción que xa cubriu outros exemplos de fauna silvestre e que, segundo informa o departamento da Xunta, permite “unha maior precisión nos datos obtidos, cun menor custo en esforzo humano e económico, facilitándose información de alta calidade acerca da bioloxía e ecoloxía das especies aplicable á xestión das mesmas”. En definitiva, o emprego desta tecnoloxía de telecomunicación posibilitará un coñecemento máis fondo e exacto da localización de cada animal en intervalos de tempo moi breves, cousa especialmente importante para os intres en que o lobo se interne en lugares de gran presenza humana. No que vai de lexislatura, xa se marcaron 10 exemplares, nas zonas da Costa da Morte, Dorsal Galega e Baralla; sendo esta a primeira vez que se realiza este estudo na Serra do Xistral.

PUBLICIDADE