Tecnocom e SAP España promoven na Coruña un encontro empresarial sobre a innovación

martes, 15 de abril do 2014 Redacción

Tecnocom, compañía TIC con sedes en Santiago, A Coruña e Vigo, vén de anunciar a vindeira celebración dun encontro empresarial sobre innovación e sobre o potencial desta fórmula da creatividade a tempo completo como “motor de crecemento do negocio”. O evento, que tamén está impulsado por SAP España, pretende pór enriba da mesa diferentes metodoloxías e técnicas para tirar partido dunha contorna cambiante: a contorna dos avances tecnolóxicos actuais.
A xuízo das dúas empresas, “as redes sociais, os dispositivos e a a proliferación de enormes volumes de datos están a mudar o noso xeito de vida e o noso comportamento, e isto repercute tamén na maneira de facermos negocio”. En contra do que se pode supor, engaden, a dita evolución non fornece inconvenientes senón máis ben vantaxes. Para Tecnocom, é preciso que aproveitemos as oportunidades que brinda esta nova contorna, guiada (e guiados) pola innovación. A innovación sería, pois, o compás e máis a folla de ruta.
Estes son os alicerces da xornada tecnolóxica que organizan SAP e Tecnocom na Coruña co obxectivo de “desvelar ás compañías as claves para incorporar a innovación nos seus procesos”. O evento celebrarase na Escola de Negocios Novacaixagalicia (Ronda de Nelle, 31) da Coruña, o vindeiro 23 de abril, de 10:00 a 14:00h. Ao longo da xornada, expertos de SAP e de Tecnocom irán debullando de que maneira avances tecnolóxicos como big data, a computación na nube ou a nova metodoloxía Design Thinking promoven unha nova forma de afrontar a xestión do seu negocio. Entre os relatores que participarán na xornada figura Helmar Rodríguez, “un dos maiores expertos en psicoloxía e comunicación aplicadas á empresa”, quen ofrecerá o relatorio Design Thinking para a empresa innovadora, na que abordará as claves para que os equipos desenvolvan visións innovadoras e rompedoras que impulsen as oportunidades de negocio dentro das organizacións.

PUBLICIDADE