Tecnocom, Altia e Imatia participan estes días no Foro Tecnolóxico de Emprego

xoves, 13 de marzo do 2014 Redacción

Finalmente abriu as súas portas (até o sábado 15) unha das grandes citas galegas para os estudantes que queren ir dándolle forma ao seu mercado laboral nos sectores máis innovadores, unha cita na que se dilúen as distancias que xeralmente separan aos novos demandantes de emprego e as empresas dos ditos eidos produtivos. Falamos do Foro Tecnolóxico do Emprego, encontro que xa vai pola súa XIV edición e que, en palabras da Universidade de Vigo (institución responsábel da xuntanza), é un punto de reunión máis que consolidado entre as futuras enxeñeiras e enxeñeiros e o mundo empresarial. Este ano cóntase de costume co apoio de empresas punteiras do noso eido tecnolóxico, algunhas delas directamente inseridas no ámbito TIC, como R, Tecnocom, Altia, Imatia ou Quantum.
As actividades, que coinciden este ano coa celebración no campus das Xornadas Estatais de Enxeñaría, comezaron este martes coa celebración de varias conferencias. Porén, o mércores foi o día elixido para a apertura dos stands empresariais emprazados no vestíbulo da ETSE de Minas e configurando, en palabras da UVigo “o eixe central do foro”. E engaden os organizadores: “A través destes postos temos a posibilidade de entregar o currículo en man á persoa da empresa e intercambiar opinións con eles, algo que non sempre é doado”.
Os stands foron tamén o lugar elixido para a inauguración do foro, acto no que participou o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, que sinalou que “este tipo de iniciativas son as que dan sentido á Universidade e xustifican a súa razón de ser”. Tamén acudiron a directora da EE de Telecomunicación, Edita de Lorenzo; o director da ETSE de Minas, Benito Váquez e o subdirector de Alumnado da EE Industrial, Fernando Cerdeira.
Sinalar que ademais destes puntos de atención das empresas, as actividades do foro están a estenderse estes días polas aulas das tres escolas coa celebración de conferencias, mesas redondas e obradoiros nos que os futuros enxeñeiros teñen “a oportunidade de simular diferentes actividades e situacións que se atoparán no mundo empresarial e que inclúen dende dinámicas de grupo, test psicotécnicos e procesos de selección ata recomendacións e consellos sobre a actitude que deben adoptar en cada ocasión”.

PUBLICIDADE