Teclados bolboreta de terceira xeración continúan a presentar problemas

xoves, 28 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Os teclados de bolboreta introducidos nos ordenadores portátiles de Apple en 2015 están a converterse en todo un pesadelo, xa que este deseño que permitía reducir o grosor das teclas non só causou rexeitamento pola falta de retorno táctil (o que resulta incómodo para moitos usuarios) senón que tamén son moi propensos aos fallos, precisamente pola súa redución do percorrido, xa que as teclas son moi vulnerables ao po, o que provocou a presentación dunha demanda colectiva e o recoñecemento de Apple da existencia do problema, de xeito que iniciouse un programa especial de reparacións para que os usuarios afectados en equipos fóra de garantía non teñan que pagar os arranxos dos equipos que presenta problemas por un defecto de deseño.
O pasado xullo, e sen comunicar nada ao respecto, Apple actualizou o hardware dos MacBook Pro cunha terceira xeración do teclado de bolboreta que parecía estar libre dos problemas detectados, notándose o seu deseño principalmente nunha redución de ruído ao premer as teclas (que inclúen unha protección adicional), e parece que estes cambios non foron dabondo, e dende The Wall Street Journal advirten de que os problemas coa nova versión dos teclados de bolboreta non desapareceron, o que resulta bastante preocupante, porque quere dicir que xa hai un bo número de usuarios que a poucos meses de mercar un ordenador de alta gama teñen que levalo ao servizo técnico porque algunhas teclas non funcionan axeitadamente (o que nótase por teclas que non responden ou que rexistran dúas pulsacións a cada toque).
Apple continuará a facerse responsable das reparacións destes equipos que non estaban incluídos no programa de reparacións (aínda están en garantía, e confiaban en que non presentasen problemas), pero que tres xeracións da mesma tecnoloxía continúen a presentar serios problemas semella a confirmación de que tal deseño de teclas non é axeitado e Apple debería optar por teclados diferentes no futuro para evitar molestias aos seus clientes.

PUBLICIDADE