Tecalis pon a disposición do Concello de Ames unha aplicación móbil para axudar ao comercio local

martes, 16 de xuño do 2020 S. P.

A empresa tecnolóxica Tecalis Innovación, con sede no Polígono de Milladoiro (Ames), formalizou este martes a cesión da súa aplicación móbil ao Concello, con vistas a botar a poñer a ferramenta a servizo das empresas e axudalas a superar a crise económica derivada da pandemia. Na cesión oficial da app participaron o alcalde de Ames, Jose Miñones, a concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, director de Operacións de Tecalis Alberto Campos, e máis a directora de Desenvolvemento Corporativo da devandita empresa TIC, Berta Caro. Segundo fixeron saber os responsábeis de Tecalis, a ferramenta porase a disposición do Concello e do tecido produtivo local totalmente de balde.
Campos e Caro explicaron que a aplicación achegará ás empresas unha tecnoloxía innovadora para a xestión das súas citas cos clientes, permitíndolles evitar as longas colas e a exposición directa e a interacción innecesaria con outras persoas nos devanditos establecementos, e todo isto mediante unha plataforma que axusta e planifica os ocos na axenda das persoas coas citas que queiran xestionar nos diferentes negocios do seu interese (barbería, dentista...).
Mediante esta plataforma, que será gratuíta para os seus usuarios/as, unha mesma persoa pode xestionar á vez diferentes citas en diferentes establecementos e negocios pertencentes ao concello de Ames (cun só rexistro ten todas as súas citas diarias, semanais e mensuais nos diferentes centros).
Ademais, engadiron, os usuarios poderán elixir os seus horarios de preferencia para que o establecemento lles reserve un oco nesas franxas horarias dispoñíbeis, e poderán bloquear horarios a outros establecementos, cando xa ten pechada outra cita noutro negocio. “Isto”, sinalouse no acto deste martes 16, “permítelles ser atendidos dun modo individualizado na franxa horaria exacta definida, sen colas nin esperas derivadas doutros servizos a outros clientes”.

PUBLICIDADE