Tecalis impulsará a dixitalización de Executivas de Galicia e as entidades das súas asociadas
xoves, 30 de setembro do 2021
A
Asociación
Profesional Executivas de Galicia elixiu a empresa tecnolóxica
Tecalis, con sede no Novo
Polígono de Milladoiro (Ames), como partner para o seu
proceso a dixitalización e para impulsar a transformación nas
compañías e institucións ás que pertencen as súas asociadas,
máis de 250 directivas e executivas.
Será,
sinalaron, un proxecto conxunto que constará de varias fases. Na
primeira, incorpóranse as tecnoloxías de sinatura electrónica e
comunicación certificada de Tecalis aos procesos e operacións clave
da asociación. Con iso, sinalaron as responsábeis das dúas
entidades, Executivas de Galicia dará “un salto cualitativo en
produtividade, axilidade e posibilidades”.
“Unha
organización como Executivas, que representa, defende, visualiza,
forma, reivindica e consolida o talento feminino, non pode estar á
marxe do proceso de dixitalización. Somos conscientes do enorme
valor que nos pode ofrecer Tecalis como empresa aliada nesta materia.
Este é o primeiro proxecto, pero estou segura de que haberá moitos
máis. Estamos en fase de crecemento e as ferramentas dixitais
resúltannos imprescindibles”, explicou Carla Reyes Uschinsky,
presidenta de Executivas de Galicia.
“Tecalis,
sen dúbida, aposta por alianzas con organizacións que potencien o
talento feminino. Como compañía comprometida cos valores de
igualdade de oportunidades e diversidade, é todo un orgullo dotar
dos mellores recursos a asociación que xera cambio positivo tanto na
economía como na sociedade”, fixo saber Berta Mirás, directora
corporativa de Bo Goberno & Responsabilidade Tecnolóxica e
Empresarial de Tecalis.
Tecalis,
socia dixital dalgunhas das compañías máis referenciais do ámbito
estatal, aproveitará neste acordo a súa bagaxe achegando tecnoloxía
de vangarda a organizacións, empresas e institucións de todo tipo
para que estas poidan transformar os seus procesos e operacións para
ser máis sustentábeis e produtivas.
O
proxecto, que xa está en marcha e que verá axiña como a primeira
fase é despregada, continuará evolucionando en dúas vertentes: a
inclusión de máis solucións e a transformación de procesos e
actividades na asociación; e a extensión a través de acordos
destas tecnoloxías ás organizacións, institucións e compañías
nas que traballan as súas socias.