Talentos Inclusivos chega a RNE da man de Javier Pereira (CITIC) e Beatriz Méndez

venres, 24 de novembro do 2023 S. P.

O subdirector do CITIC (Centro de Investigación TIC da UDC), Javier Pereira, foi convidado esta semana a participar no programa El gallo que no cesa de RNE acompañado de Beatriz Méndez, profesora de Tecnoloxía no Instituto de Educación Secundaria Rego de Trabe de Culleredo. Durante a entrevista, Pereira puxo en valor o Programa Talentos Inclusivos, unha iniciativa impulsada polo CITIC en colaboración con ASPACE Coruña a favor da tecnoloxía inclusiva. O obxectivo principal é fomentar as vocacións STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) e facer visíbeis os retos aos que se enfrontan as persoas con parálise cerebral no seu día a día.
Por certo que Talentos Inclusivos foi este ano distinguido polo Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería en Informática de España co Premio Nacional de Ingeniería en Informática na sección Humanismo e compromiso social.
Pereira explicou que a través deste programa, alumnos e alumnas de Secundaria e Bacharelato de diversos institutos de Galicia, terán que buscar solucións tecnolóxicas a unha serie de retos que serán propostos por usuarios da entidade ASPACE.
“Para nós era moi interesante promover vocacións TIC entre o alumnado facéndolles ver por unha banda que a tecnoloxía mellora a calidade de vida das persoas e por outro visibilizando á vida que teñen a persoas con discapacidade”, afirmou o subdirector do CITIC.
En relación á participación e implicación dos centros educativos, Méndez destacou que “cando viñeron os usuarios de ASPACE a presentar o proxecto, chamounos moito a atención a reacción dos alumnos. É un proxecto que desenvolve a empatía enormemente”.
Talentos Inclusivos celebra este ano a súa cuarta edición cun éxito que se consolidou ao longo da súa traxectoria, que se materializa cunha maior participación de centros educativos e cun gran impacto a nivel da contorna e a nivel social.

PUBLICIDADE